Ourense reivindica a Blanco Amor e o seu pouso na mocidade

La Voz OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Santi M. Amil

O cemiterio de San Francisco acolleu a homenaxe anual ao escritor

03 dic 2021 . Actualizado a las 12:54 h.

Nun día pouco acaído para a xuntanza anual en San Francisco, a memoria de Blanco Amor xuntou a representantes do Centro Pen Galicia, a Fundación Blanco Amor, a Deputación e o instituto que leva o nome do escritor para lembrar ao autor de A Esmorga, que finaba en Vigo o 1 de decembro de 1979. Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia e director da Fundación Blanco Amor, lembrou que o escritor foi un adiantado ao seu tempo «a nivel cultural e social, e sempre nos está ensinando, aínda que non estea connosco». Incidiu no legado do autor e na súa pegada nos novos escritores, ao tempo que lembrou que as portas da fundación estarán sempre abertas para a mocidade que se achegue a EBA e á creación literaria. González Tosar lembrou que o autor non está «no santoral nin no panteón de ilustres» da cultura galega, aínda que non lle deu maior importancia a este feito: «O santoral deixámosllo á Real Academia Galega e aos que están na cultura acaparadora», e asegurou que Blanco Amor non precisaba deses recoñecementos para manter a pegada na literatura galega e na influenza nas novas xeracións de escritores. Laiouse de que o escritor non tivese unha maior presenza e recoñecemento na literatura española e que non se lle dese todo o pulo que merece na cultura galega. 

No acto interviñeron, xunto a Rosendo Fernández, a profesora do IES Blanco Amor Soedade do Muíño e a exalumna Ana Fraile. Armando Ojea representou ao Concello de Ourense.

Na súa intervención Soedade do Muíño lembrou as iniciativas que se levan feito dende hai anos para reivindicar a figura e a obra de Blanco Amor, xa dende que se conseguiu darlle o seu nome ao que era o instituto de A Ponte, e felicitou «aos estudantes que con dedicación souberon ampliar o seu mundo coa lectura de mestres como o escritor ourensán, que inzaron os textos de experiencias humanas e xeradoras de emocións». Pola súa banda Ana Fraile foi a encargada de representar aos estudantes coa lectura dos seus poemas inspirados na mensaxe de Blanco Amor. 

Rosendo Luís Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, salientou «a relación indisoluble entre o autor que inmortalizou Auria e a Deputación», lembrando que o organismo provincial garda a súa biblioteca e o seu arquivo, que promoveu a escultura que o lembra na praza Bispo Cesáreo, a edición en inglés de «A Esmorga» e que fixo unha tirada especial para os alumnos dos institutos da provincia, entre outras iniciativas. 

Pola tarde, no Liceo, entregouse o Premio Blanco Amor de novela a Blanca Riestra.A escritora coruñesa fíxose merecedora do galardón polo seu orixinal «Aquí empeza o mar». A peza que simboliza o premio, unha escultura de Acisclo Manzano, foille entregada á escritora por César Fernández Gil, quen ostentou a representación da Deputación de Ourense no acto. Blanca Riestra amosou o seu «enorme pracer e gran orgullo» por un galardón que recoñece a Blanco-Amor «como unha das personalidades máis impresionantes da literatura galega, ademais de ter un nome marabilloso». Definiu a novela gañadora como «especial, con moitos xogos formais e bastante arriscada en xeral temáticamente. A obra pretende narrar a historia recente da cidade da Coruña desde os anos setenta do pasado século ata a actualidade, pero tamén en certa medida a historia de Galicia dun xeito moi subxectivo».