Dunha adquisición intelixente

VIGO CIUDAD

MONICA IRAGO

O goberno do Grove atópae coa dificultade que supón carecer de inmobles para albergar dotacións municipais

24 oct 2021 . Actualizado a las 10:52 h.

Unha das dificultades de goberno do concello do Grove é o da carencia de inmobles para albergaren dotacións, das que está tan faltosa ese municipio. Entre as causas desa pobreza destaca o enfoque penoso, ao longo de tantos anos, da súa política urbanística que, por exemplo, coas cesións obrigatorias de solo das novas urbanizacións optou por recibilas en cartos que, rapidamente, se consumiron sen solucionar o déficit de infraestruturas, alarmante no eido dos servizos sociais, sanitarios e culturais. Así que o crecemento das necesidades e das esixencias dos veciños do Grove non foi acompañado dunha dotación axeitada de instalacións, precisamente, pola falta de soares e edificios onde situar servizos. Sen embargo, pódese observar interese en reparar esa insuficiencia, absolutamente insostible nos tempos de hoxe. Co mandato de José Antonio Cacabelos, PSOE, leváronse a cabo construcións como, por exemplo, a do edificio administrativo, o novo, discutido e inacabado auditorio, un centro social en Reboredo -que esperemos que homenaxee ás xenerosas donantes do terreo- ou agora a adquisición á congregación Hijas de la Caridad San Vicente De Paúl do notable inmoble dedicado a colexio e residencia, situado no centro da vila, para destinalo a servizos públicos. É unha operación lúcida porque, ademais, asegura a conservación dun edificio excepcional e catalogado. O aparellador e avogado Francisco Trigo ten feito un recente estudo que resalta a singularidade desta construción, situada na contorna máis sobranceira en canto a bens catalogados do Grove -desde un xardín ata diversas construcións modernistas e a chamada Torre de Escuredo-. O arquitecto autor do proxecto desta obra, de 1954, foi Emilio Salgado Urtiaga (Ourense, 1897-Madrid, 1970) que se desempeñou como arquitecto municipal de Pontevedra, con estudio profesional en Vigo, autor de obras destacadas como a Caixa Rural do Lérez -esquinas das rúas Coruña e estrada a Lérez- ou as escalinatas da alameda pontevedresa; era membro do Partido Radical de Lerroux e entre 1934 e 1936 foi alcalde de Vigo para, nese breve mandato, impulsar a posta en marcha do museo de Castrelos, integrando no padroado a figuras como Sánchez Cantón, o pintor Carlos Sobrino ou o arquitecto Antonio Palacios, que tanto influíu na súa obra. O colexio das monxas grovense que agora compra o Concello ten, ademais, dúas relevantes esculturas en pedra que haberá que catalogar: unha é a da Virxe do Carme, o elemento máis sobranceiro da fachada, situada no cumio, á que, como sinala Paco Trigo, lle dá carácter, e outra a de san Xosé co neno, no patio do Leste, que precisa rehabilitación. Ámbalas dúas, asinadas, son do escultor Camilo Nogueira Martínez (Vigo, 1904-1982) -pai do político e intelectual Camilo Nogueira-, seguidor da escola de Asorey, aínda que despois da Guerra Civil evolucionou cara a un estilo academicista; mantivo unha gran relación persoal e estilística con Laxeiro; desempeñouse como profesor na Escola de Artes e Oficios e foi membro do Partido Galeguista. Na comarca ten outra virxe monumental, a María Auxiliadora do colexio dos salesianos en Castrelo. Así pois, unha gran e intelixente adquisición do Concello do Grove que, sen dúbida, terá que completarse coa Torre de Escuredo para conformar un espazo de servizos públicos único. Parabéns por iniciar ese camiño e...a completalo!.