Amigos que se van

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

VIGO CIUDAD

M. MORALEJO

08 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Amigos e mestres que eran referencias. En poucas semanas fóronse algúns irmáns maiores. En certa maneira podemos denominalos así. Alfonso Paz-Andrade o pasado 7 de xuño. Gerardo González Martín o 17 de xullo. Alfonso Álvarez Gándara máis recentemente, o 2 de agosto. Cada un leva o seu mundo detrás e deixa pegada en nós. Á súa maneira, os tres comprometidos con Galicia, vasos comunicantes que nalgún momento mesmo se relacionaron entre si dende a actividade profesional e dende a amizade. Paz-Andrade, na estirpe que xa iniciara o seu pai, representa ese empresariado que tanto nos falta, capitán sen complexos que, mesmo con dificultades e contradicións (nalgún momento haberá que poñelas no seu sitio) nunca deixou de soñar unha Galicia aberta ao mundo, capital activo, capaz de xerar riqueza dende si mesma. As seis Exposicións Mundiais da Pesca (World Fishing Exhibitions) convertiron a cidade de Vigo na referencia internacional do sector.

Gerardo Gónzalez Martín, que naceu en Ávila en 1942, dende os vinte anos desenvolveu a vida profesional e familiar en Vigo; aquí fixo os seus amigos, aquí naceron os seus fillos, escribiu os seus libros, deprendeu a lingua nosa, que falaba con vontade e pulcritude, e sobre todo formou co seu traballo dúas ou tres xeracións de xornalistas. O oficio apréndese moi principalmente nas redaccións, e Gerardo foi o noso mestre, non dende a teoría que se estuda nas facultades, mais na práctica de cada día, na independencia e na defensa dos principios da profesión. Nunca llo agradecerei bastante. Non é cousa de dar nomes, pero moitos lle debemos as primeiras oportunidades, no meu caso incluso a primeira retribución por un artigo, no ano 1970, en Santiago. Tiña eu 20 anos.

A Alfonso Álvarez Gándara coñecino algo máis tarde. Viña da vella (e magnífica) saga dos Álvarez, que ten continuidade nos fillos, nos sobriños e sobriñas... Imposible escribir a crónica do galeguismo sen eles. En Vigo era unha referencia obrigada, e en Galicia toda, no ámbito da avogacía e, nalgún momento, da política, que exerceu con ética e dignidade, e abandonou despois seguramente por ámbalas cousas. Coa memoria do seu avó Darío, asasinado en Tui polos fascistas nos días terribles do 36, comprometido coa construción dunha Galicia democrática, libre e dona do seu, formou parte da xeración de mozos que se formaron na esperanza dun tempo novo, mesmo na posguerra triste que lles tocou vivir, alumeados polo exemplo dos seus devanceiros.

Cada quen á súa maneira, son tres referencias que se foron, e con eles, irremediablemente, sentimos que se vai tamén algo de nós. Esta marea de hoxe non é doada, mais é obrigada. Por agradecemento, pola ensinanza que souberon deixar, porque todos somos produto dos que foron antes, e porque a vida é un río que nos leva e no que navegamos todos, un camiño que construímos xuntos.