Os tesouros da Penzol

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

VIGO CIUDAD

20 jun 2021 . Actualizado a las 11:27 h.

O 5 de maio de 1963 inaugurábanse en Vigo as primeiras instalacións da Fundación Penzol, nuns locais alugados á Caixa de Aforros Municipal na rúa Policarpo Sanz, xestión realizada por Xaime Isla Couto e Antonio Fernández López. O acto consistiu nunha conferencia do profesor Manuel Rodrígues Lapa sobre Os romanistas italianos e a literatura medieval galego-portugues, presidido por quen era daquela primeiro titular da Real Academia Galega, Sebastián Martínez Risco.

Van 58 anos dende entón. A partir da achega inicial do bibliófilo galeguista Fermín Fernández Penzol-Labandera (arredor de 7.800 libros, 6.000 folletos e unha suma importante de revistas, manuscritos e documentos), a institución nacía cun obxectivo estratéxico moi definido: a construción dun fondo patrimonial da lingua e a cultura galega para uso de investigadores, estudosos e persoas interesadas, fondo que hoxe se aproxima aos 50.000 libros (algunhas monografías datadas dende o século XV),106 manuscritos, 250 diplomas en pergameo, 589 unidades de instalación de documentos de arquivo, uns 2.400 títulos de publicacións periódicas dende o século XIX, mapas, planos, fotografías, carteis, correspondencia, panfletos, material audiovisual… En conxunto, un dos máis importantes patrimonios bibliográficos e documentais de Galicia. O acordo entre a fundación e o Concello de Vigo, asinado en 1985, inaugurou unha nova etapa que dignifica a ambas as dúas partes.

O primeiro director da Penzol foi Francisco Fernández del Riego, don Paco, dende a inauguracíón da bilioteca ata xaneiro de 2010, poucos meses antes do seu pasamento. «A miña vida está aquí», dicía. Todos os días acudía puntualmente ao seu despacho na institución. O seu sucesor foi Francisco Domínguez, Quico para as amizades, enxeñeiro industrial, a quen coñecín hai anos sendo el director xerente da Editorial Sept, membro do equipo de editorial Galaxia, inspiradora de todo o proxecto, activista político e cultural do galeguismo, eficiente e extraordinariamente activo. Non era doado continuar o labor de don Paco, mesmo afrontando tempos apurados economicamente como os que houbo e hai que aturar, por máis que apoiado na presidencia por Manuel Puga e un equipo de desinteresados e entusiastas colaboradores.

Así se mantén a fundación, igual que tantas outras iniciativas culturais do galeguismo e a cultura galega: con xenerosidade e desinteresadamente, dende o voluntariado e o amor á causa, seguindo o exemplo dos devanceiros. O pasado sábado, Francisco Domínguez pasou o facho da dirección a Xosé Manuel Soutullo, vello compañeiro de Galaxia, recentemente xubilado da súa condición de editor, que sae dunha e entra noutra, como corresponde, mais coa determinación, o coñecemento e o optimismo que sempre o caracterizaron. O país faise con estes bimbios, que nos honran a todos.