«Pasei moitas noites sen durmir, pensando como axudar ás mulleres»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

Fundou a Rede contra os Malos Tratos hai 23 anos en Vigo. Rosa Fontaíña segue na loita: «Temos mulleres de 70 anos que romperon e están felices»

22 jun 2021 . Actualizado a las 00:30 h.

Unha aperta, un vaso de auga e un pano para as bágoas. Así se recibía na Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos ás vítimas que se achegaban a denunciar. A pandemia prohibiu as apertas pero non o cariño co que se lle sigue abrindo a porta ás mulleres. «Cando unha muller chega aquí, o primeiro que ten que saber é que pode confiar en ti», explica Rosa Fontaíña (Cotobade, 1950). Foi ela quen pariu este organismo que leva atendendo ás vítimas da violencia machista dende que se creou en Vigo, en 1998, a primeira Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos en España. Dende entón, hai milleiros de historias nos arquivos do colectivo e na memoria de Fontaíña: «Houbo mulleres que tivemos que ir buscalas ao seu piso porque non podían saír ao ascensor, do pánico que tiñan, e se recuperaron. E temos mulleres de 70 anos que romperon e están felices, e nos din que é unha pena non ternos coñecido antes».

Vintetrés anos despois de que a rede entrara en funcionamento hai satisfacción pola axuda prestada, pero tamén frustración. «Estamos preocupadas polas sentenzas que falan de violencia cruzada entre os homes e as mulleres», referíndose a fallos xudiciais que sentencian que houbo agresións mutuas. A coordinadora lamenta un caso recente no que os xuíces consideraron violencia cruzada unha agresión entre un home de 1.90 metros de altura e unha muller de 1.50, pero as queixas xudiciais van máis alá. «Temos casos de nais que denuncian que os fillos non deben ir co seu maltratador e logo, cando pasa algo, ¿quen ten a responsabilidade? Temos levado a nenos ao punto de encontro que se facían pis no coche e que tentaban tirarse pola escaleira, e que tiñan que estar con el porque é o seu pai. O pai é unha persoa que se ocupa dos seus fillos, que educa e da oportunidades, un maltratador non é un bo pai».

A empatía é unha característica desta muller que ven do movemento veciñal e que segue no día a día da rede. «Sempre o pasei mal pero iso tamén me da impulso para ir resolver ese problema. Pasei moitas noites sen durmir, levantándome a coller apuntes e pensando como resolver problemas e como podíamos tirar para adiante, axudar e empoderar ás mulleres». Rosa Fontaíña ten algún problema de saúde pero segue á fronte no labor institucional e tamén acompañando ás vítimas. «Traballamos todos os días do ano. Non deixamos de atender a unha muller o 25 de Nadal, eu mesma fixen acompañamentos o 1 de xaneiro». Non oculta que, ultimamente, se enfada moito, algo que lle produce rabia pero tamén lle dá empuxe para seguir na loita.

Moita tarefa, poucos recursos

Xunto con Rosa Fontaíña, traballan na rede dúas traballadoras sociais, que abranguen da mañá á noite, unha avogada, dúas psicólogas e unha administrativa. «Temos un equipazo, atenden ás mulleres con cariño e empatía, tiñan que estar mellor pagadas, pero facemos o que podemos». A loita por ter fondos suficientes é a outra gran batalla de Fontaíña. «Temos a Medalla Emilia Pardo Bazán, o premio Meninas do Estado, a Medalla de Ouro da cidade, O premio de Galegas Destacadas, o premio Compromiso Social de CC.OO. Temos moitos recoñecementos e eu sempre digo: que pena que non veñan cun cheque». Outra loita é poder ter máis espazo físico nas oficinas que teñen cedidas polo Concello de Vigo para a súa actividade. «Estou cansa de ter que pedir todos os anos os cartos necesarios para poder traballar como ten que ser».

Pensar na xubilación é un imposible, mentres non haxa un financiamento estable. «A min xa me gustaría estar na miña casa e desfrutar da vida. Eu traballei moito, de nova ata doce horas diarias cosendo, e pola noite ía a unha academia. Agora debería ter un descanso merecido, despois de coidar aos meus pais dependentes e a un irmán. Pero a rede non pode morrer porque o servizo que se presta non o fai ninguén». O máis complicado é buscar relevo para chamar ás portas das Administracións e acadar os fondos necesarios para atender ás vítimas.

Algunha vez, a coordinadora da rede precisou axuda para levar o peso dos problemas das mulleres que atende. Terapias pagadas do seu peto que non alivian a dor que comparte coas vítimas nin tampouco a carga das ausencias persoais. Fontaíña é unha das tres irmáns que quedan na familia, dun total de once fillos. Mentres cultiva flores na horta da casa de Vigo, pensa nas sospeitas da súa nai, que morreu crendo que aqueles fillos que lle morreron ao nacer, quizais non estaban mortos senón roubados. E estraña aqueles anos de xogos no seu Cotobade natal. Os fillos e o marido acompañan as comidas dos domingos e os paseos pola beira do río. «Me relaxa saír a andar os domingos co meu home, pero moi relaxada non son tampouco», confesa. Difícil selo mentres a violencia machista segue a destruír vidas de mulleres e nenos inocentes.

A súa canción favorita

 

«Un beso y una flor», de Nino Bravo. «Me relaxo con esta canción. Na miña casa teño unha horta e cultivo todas as flores que coñezo, me gustan tanto que incluso fixen xardinería. O pracer máis grande para min é a familia, estar cos meus fillos, co meu marido e poder comer na horta á sombra».