Tolerancia cero no fútbol?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

VIGO CIUDAD

Alejandro García | Efe

04 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As mulleres agredidas sexualmente son as únicas vítimas criminais que teñen que demostrar que non querían selo. Elas, a diferenza de calquera outra vítima, convértense en sospeitosas ao tempo que se produce o delito: sospeitosas de moitas cousas, pero, sobre todo, de mentir. Iso provoca que, ante as agresións machistas, se esaxere unha protección dos presuntos agresores amparada pola presunción de inocencia entendida como estado de opinión, non como a garantía xurídica que é, e nesta xustiza do revés, á muller agredida aplícaselle, en consecuencia, a presunción de culpabilidade.

Cando Santi Mina ficha polo RC Celta de Vigo en 2019, sabéndose xa que tiña unha causa aberta cunha acusación firme por agresión sexual desde o 2017, o club perdeu unha ocasión fantástica de demostrar que a tolerancia cero coa violencia machista da que falaba o seu presidente non era só unha cuestión cosmética. O Celta tiña dúas opcións, contratar o xogador coma se non pasase nada, asumindo que a vítima mentía; ou demostrar esa tolerancia cero paralizando a ficha por entender que as graves acusacións contra o xogador eran motivo para agardar pola resolución xudicial. Pero resulta que o Celta optou polo primeiro, e agora vai ver como a violencia sexual cisca lixo por todas partes, convertendo en cómplices aos equidistantes e deixando en mal lugar a un equipo que, por outra banda, nada gaña fichando presuntos delincuentes podendo contratar, como fai habitualmente, a mozos estupendos que respectan os valores do club.

Claro que, neste país, fútbol e machismo van da man. E as mulleres lembramos poucas veces aos clubs a nosa condición de seareiras. Claro que, antes ou despois, considerarnos parvas e mentireiras terá consecuencias.