«Cheguei a ter 58 alumnos nunha aula unitaria, entre seis e 14 anos»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

Mestra xubilada, Luísa Abad é experta en educación en igualdade. Defende máis formación sexual nas aulas para frear a violencia machista entre os adolescentes

09 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«A educación está fallando moitísimo na prevención da violencia de xénero». Así de rotunda se expresa Luísa Abad (A Coruña, 1951). Esta docente de educación infantil e pedagoga defende que o problema «non se está tomando en serio». Especializada en coeducación, Abad foi asesora no Centro de Formación do Profesorado de Vigo e orientadora escolar no CIFP Valentín Paz Andrade en Vigo. «É un fallo social estrepitoso que non poidamos ter na escola unha asignatura de educación sexual. Fai falla, ademais da charla habitual sobre enfermidades de transmisión sexual ou anticoncepción».

A docencia quedou atrás coa xubilación pero non a preocupación polas novas xeracións e por unhas cifras de violencia machista que van en aumento. «Dende que as criaturas son pequenas hai que darlle un coñecemento axeitado do seu corpo, do pracer, das relacións afectivas en igualdade. E isto se ten que aprender na escola, criticando malas prácticas e poñendo en valor as cousas boas. Si o que facemos é deixarlles un móbil con acceso a porno... O que temos é fenómenos como as manadas, disparándose. É horrible».

Mestra de mestres, a súa carreira comezou nunha escola unitaria en Bergantiños. «Cheguei a ter 58 alumnos nunha aula unitaria, de seis a 14 anos. Era tremendo o que traballabas pero eu era moi entusiasta. Facía rede con outras compañeiras e preparábamos materiais pedagóxicos. Recordo aquela etapa con cariño». O entusiasmo segue intacto. «Fun profe en educación infantil e faciamos educación sexual coñecendo o corpo, poñéndolle nome aos xenitais, que hai moita xente que non o sabe, cada familia nomea dun xeito, sempre con eufemismos... É importante que as nenas saiban que teñen vulva e os nenos pene, dende pequenos». Tras publicar máis dunha ducia de traballos sobre igualdade na educación, defende que nas aulas se deben comentar as relacións e preparar aos nenos para non recibir abusos, de ningún tipo.

Falar con Luísa Abad é como adentrar a mirada nun caleidoscopio. Con cada xiro de tema, se atopan escintileos de luz. As labouras como secretaria do espazo de debate Ateneo Atlántico se suman a unha vida adicada á docencia e á faceta como poeta. «A pandemia está reducindo os espazos de debate. Estamos mustios, con desesperanza, agardando que esto vaia tendo fin. Antes no Ateneo tiñamos dúas ou tres actividades á semana, agora programamos actividades on line pero non é o mesmo, non teñen calidez, non ves as caras...». Para esta muller, cuxa vida xira arredor da cultura, estase a perder un patrimonio cultural que vai ser complicado recuperar. «Hai un tecido cultural moi pobre e isto non é nada positivo. Vou vendo axendas e hai moi pouca oferta. A cultura de Vigo esmorece». Un problema que, para Abad, ven de antes da pandemia. «Hai 15 anos notaba un empuxe que agora non hai, foron pechando actividades e festivais. Dame a impresión de que Vigo non coida moito a cultura».

Irmá do creador de Lúar

Luísa Abad estudiou para mestra de casualidade, quería ser química ou xornalista. «Na miña época non era doado que te deixaran marchar estudar si eras unha muller. Meus irmáns homes tiñan prioridade. Meu pai me dixo que tiña que ser algo que houbera na Coruña. Pero unha vez que me metín, encantoume». Precisamente a vocación dun dos seus irmáns fixo que Luísa coñecera de preto o mundo audiovisual. «Meu irmán Manolo tiña unha vocación marcada, dende que tiña 13 ou 14 anos se metía a revelar fotografías e lle daban premios por elas. É o director do Lúar, de feito a idea do programa foi del. Eu ás veces vou de público, que o paso moi ben».

Ademais das súas labouras como secretaria do Ateneo, Abad saca tempo para as clases de ioga, piscina ou o clube de lectura que codirixe. Aínda lle queda marxe para exercer de escritora de poemas. Tras superar un cancro, Abad escribiu a súa obra Limaduras de prata, «polo sabor metálico que deixa a quimio». Un libro do que se venderon 600 exemplares e cuxos dereitos de autor están cedidos á asociación contra o cancro.

Unha viguesa coruñesa

A cabalo entre A Coruña e Vigo, Luísa Abad non sabe de rivalidade entre dúas cidades que considera moi distintas. «Aquí naceu o meu fillo pequeno, vin a Vigo con 31 anos e integreime marabillosamente ben. Non entendo as loitas entre Vigo e A Coruña, somos cidades complementarias», explica. «Vigo é unha cidade con moito empuxe e moita mais xente nova, a min me gusta ese empuxe. Cando eu cheguei a vivir a Vigo recordo que a xente marchaba de Vigo o domingo e os barrios quedaban desertos -eu vivía en Coia­­-, todo o contrario que en A Coruña onde a xente está na rúa todo o día». Abad voltou a A Coruña hai uns anos para coidar aos seus pais, ao regresar a Vigo notou un cambio. «Hai máis cidade, está máis bonita, hai máis ambiente. A xente xa non marcha o domingo».

 A súa canción favorita

«Teu nome por mar e terra», de Guadi Galego e Xabier Díaz. «Me encanta este tema, ¡é tan poético e bonito! Ademais está tamén un amigo, Xosé Lois Romero, tocando o acordeón. É unha canción preciosa. Escoitoa moitas veces porque me gusta, me relaxa e me parece unha canción marabillosa».