A Semana de Filsofía de Pontevedra incide na dixitalización social

VIGO CIUDAD

Ramón Leiro

Iolanda Gomis alertou da quebra dixital en Galicia e o conseguinte risco de colonización mental

10 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

As intervencións de Andoni Alonso, da Universidade Complutense de Madrid, abordando a Decadencia do progreso, e de Sabela Fraga Costas, historiadora de arte, analizando A irrupción da imaxe: un exercicio contrahexemónico, puxeron onte o punto final a unha nova edición da Semana Galega de Filosofía que, a longo de todo a semana, centrou os debates na Filosofía e a civilización dixital.

Nesta derradeira xornada, Francisco Ramil Acebo foi o encargado da lectura das conclusións, mentres que a clausura contou coa presenza da concelleira de Cultura, Carme Fouces, a deputada de Política Lingüística, Maria Ortega, e o vicerreitor da Universisade de Vigo, Jorge Soto.

Durante estes días, os distintos relatores enfocaron as súas disertacións na influenza que a cultura dixital, a sociedade da información e as novas tecnoloxías inflúen nos individuos e condicionan a súa vida diaria e en sociedade. Tal e como expuxo onte Francisco Ramil, as sesións foron inauguradas por Albino Prada Blanco, profesor de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, quen afondou no capitalismo dixital coma unha forma de «control a escala global das formas de produción e de distribución de riqueza do vello capitalismo industrial e financeiro, mediante a dixitalización coa que unhas poucas empresas ou grupos de investimento controlan o mercado».

No caso concreto de Galicia, foi a creadora e editora Iolanda Gomis quen abordou «a quebra dixital e tecnolóxica que sufrimos na sociedade galega», de tal modo que algoritmos e tecnoloxía «delatan a maior colonización mental que nos impoñen os centros económicos e os centros de coñecemento».