Compartimos aulas na década dos 70 na Facultade de Filosofía e Letras, nos estudos de Historia, que eu alternaba con Filoloxía Románica, xunto con Malós, Beatriz López, que logo sería a súa compañeira e nai do seu fillo Álvaro, e con Teresa Ramuñán, Ana Masiá, Xosé María Lema, Felipe Senén e tantos outros. Nós eramos uns rapazolos e el case podía ser o noso pai, doutor en Dereito Canónico pola Universidade de Roma, director xa entón da revista Compostelanum. Xuntabámonos na súa casa para falar de mil cousas, aventuras da vida, e mesmo para darnos aquel libro novo ao que aínda nós non chegaramos (ás veces tampouco os nosos profesores). Quero dicir que xa daquela Xosé Ramón Barreiro era, ou encarnaba, a sabedoría do patrucio. Nunca puidemos deixar de velo doutra maneira. 

Lembro a súa presentación en Vigo de El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977), na editorial Pico Sacro, que el mesmo fundara na compaña dalgúns outros amigos. Lembro a súa casa (as súas casas), sempre cheas de libros. Lembro o seu volume da Historia da Galicia contemporánea, que lle encargara Galaxia; os seus traballos sobre a imprenta e as primeiras publicacións periódicas, o seu interese polas tensións políticas do século XIX... Lembro as súas clases na Facultade de Comunicación, na que eramos profesores os dous. Algunhas veces os alumnos aplaudían ao final... Na derradeira ocasión en que estivemos xuntos repasamos vellos volumes encadernados en coiro, ordenados coma un tesouro na súa biblioteca. Jano Muñoz pintouno para a Academia rodeado de libros, cunha frase latina que a historia atribúe a Plinio O Vello: «Nulla dies sine linea». Ningún día sen unha liña, ben para ler, ben para escribir. Velaí a súa bibliografía e as súas investigacións. A súa biografía de Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG, é un traballo tan útil como impresionante.

O seu interese principal era o século XIX, xa digo, porque na súa opinión alí estaba o principio de todo, os alicerces do que chamamos a modernidade histórica, a cal cumpría ler dende a perspectiva nosa, sen intermediacións. A gran achega da xeración de historiadores da escola compostelá a partir da década dos anos 80, entre os que Barreiro Fernández ocupa unha posición sobranceira, é precisamente esa maneira de revisar e interpretar o país, con nova metodoloxía e datos de primeira man. En xuño do ano 2010 démoslle o Premio Trasalba, un dos moitos recoñecementos que recibiu en vida. Na presidencia da Real Academia Galega deixou pegada do seu labor, contribuíndo ao proceso de modernización da institución, que en parte xa iniciara a carón de Francisco Fernández del Riego. Viaxo pola memoria do vello compañeiro de pupitre e viaxo por unha parte moi querida e decisiva do noso tempo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
15 votos
Comentarios

Na lembranza de Barreiro Fernández