Real Academia Galega celebrará o Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias en Vigo

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

A poeta e tradutora Xela Arias
A poeta e tradutora Xela Arias xulio gil | edicións xerais de galicia

Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas serán os académicos encargados de profundar nesta sesión na figura e na obra da autora

15 mar 2021 . Actualizado a las 18:33 h.

A Real Academia Galega celebrará o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Xela Arias en Vigo, a cidade onde a poeta, tradutora e editora viviu dende os sete anos ata o seu pasamento. Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas serán os académicos encargados de profundar nesta sesión na figura e na obra da autora á que a institución lle dedica este ano o 17 de maio.

Pero a celebración arrincou xa na Rede e verase reforzada a partir do mes de abril, cando a Academia estreará unha serie documental e mais un espazo de micropezas audiovisuais sobre a autora. Os contidos poderán verse en academia.gal e na canle de Youtube da institución.

A RAG difundirá os martes, a partir do 6 de abril, cada un dos 6 episodios breves que compoñen a serie documental na que está a producir da man da produtora Miramemira. A proposta profundará en distintos aspectos da obra da escritora, comezando polas súas orixes en Sarria e a súa chegada aos sete anos a Vigo, e como os dous ambientes condicionaron a súa ollada e a súa escrita, de maneira especial a contorna urbana próxima á Movida dos anos 80 do século pasado. A serie deterase, a través de amizades, familiares e distintas voces do mundo da cultura, non só nas contribucións da homenaxeada como escritora, senón tamén como traballadora do sector cultural, xa que foi unha das primeiras profesionais da edición.