«O lema 'que ninguén quede atrás' é hipócrita»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Xoán Carlos Gil

Santiago Domínguez publica en Galaxia o libro Diario dun mestre na pandemia

23 jun 2021 . Actualizado a las 19:50 h.

O que fora tenente de alcalde de Vigo, Santiago Domínguez, vén de publicar na Editorial Galaxia o libro Diario dun mestre na pandemia, onde reflexiona sobre as súas experiencias vividas como profesor durante o confinamento.

-Como naceu este libro?

-O feito de ver aos meus alumnos a través dunha pantalla fíxome reflexionar. Dende a autocrítica empezaron a aparecer interrogantes sobre o que lle ofreciamos ao alumnado. A partir de aí empecei a escribir e dinme conta de que era valioso para cando volvésemos a esta mal chamada nova normalidade. O libro non se quedou no confinamento, senón que chega ata o pasado Nadal.

-Como levou aquela situación dende o seu traballo de educador?

-A sociedade non valora demasiado o labor do docente. Naquel momento, non estabamos preparados para unha situación así. Ademais, nós eramos pais e nais que tiñamos que atender aos nosos fillos, non tíñamos medios, e as familias dos alumnos tampouco estaban preparadas. Calquera mestre traballou moitísimas máis horas que nas clases presenciais, e o facíamos porque sabíamos que tiñamos alumnos febles. Foi unha situación difícil para nós, pero non máis difícil que para o propio alumnado, que de pronto se atopou sen o máis importante que é a socialización.

-Quedaron alumnos atrás nesta pandemia?

-O lema «que ninguén quede atrás» é unha hipocrisía das administracións. Esa frase parecía botarnos aos profesores a responsabilidade, pero xa antes da pandemia quedaron atrás por mor dun sistema educativo que non atende ás necesidades do alumnado. Estanse a quedar atrás moitos alumnos porque non lles aportamos recursos. A desigualdade no ensino é moito máis que darlles ordenadores aos alumnos.

-Co retorno ás aulas, notou cambios no comportamento dos alumnos?

-Completamente. Se despois desta pandemia unicamente pensamos que a volta ás aulas ten que cinguirse ás medidas de seguridade é que non entendemos nada. Os rapaces nolo están dicindo, teñen un comportamento completamente distinto, moito máis responsable e solidario; nos está a dar unha lección tremenda. Ten que facernos reflexionar.

-E os profesores, cambiaron tamén?

-Eu falo por min mesmo, a min a pandemia si me cambiou porque foi unha chamada de atención importante para dicir que detrás da realidade de cada alumno hai unha vida completamente distinta e, entre todos, temos que saber integralo, aínda que non é doado. A pandemia ten que ensinarnos a ser autocríticos co que estamos facendo, non só os docentes. No sistema educativo, os docentes somos os que estamos padecendo a falta de concreción e de realidade dun sistema educativo que está programado polos que, en moitos casos, non pisaron xamais un aula.