A Universidade de Vigo abre salas de lectura no centro da cidade para preparar os exames con distancia de seguridade
VIGO CIUDAD
O edificio foi cedido por Zona Franca e o mobiliario adquiriuse con cartos anticod da Xunta
19 ene 2021 . Actualizado a las 21:00 h.Desde hoxe e ata o vindeiro 12 de febreiro estarán operativos os 156 postos de lectura acondicionados pola Universidade de Vigo en dúas plantas do inmoble número 6 da rúa López Mora. O obxectivo é que o alumnado poida preparar neles os exames do primeiro cuadrimestre. Amosando o seu carnet, o estudantado pode acceder ás salas de estudo, que se localizan en dúas plantas do edificio cedido por Zona Franca á Universidade. Entre as 9.00 e as 21.00 horas de luns a venres, o alumnado que curse calquera titulación das que se imparten na Universidade de Vigo pode facer uso das salas: unha na planta baixa do inmoble con 15 postos, para persoas con mobilidade reducida, e outras dúas na segunda planta, con 115 postos unha e 26 a outra.
Tanto no acceso ao inmoble, onde se tomará a temperatura ao estudantado que queira facer uso das salas, como no interior cumpriranse coas normas sanitarias, respectando as distancias entre os postos de lectura, que acadan como mínimo o 1.80 m de distancia entre eles; a través de códigos QR situados nas mesas e garantindo a ventilación dos espazos a través das ventás.
Os postos de lectura dispoñen de mesas e cadeiras que a Universidade adquiriu cos cartos de medidas covid outorgados pola Xunta, que permitiron comprar un total de 1.140 mesas e cadeiras, que ademais de neste inmoble se distribuíron no pavillón do campus de Vigo e no da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra, así como no campus de Ourense, para a realización de exames.
As bibliotecas centrais dos campus estarán abertas nas fins de semana ata o 24 de xaneiro
Coa posta en servizo destas salas, o equipo de Goberno atende a demanda en tempos de covid de habilitar máis espazos para a preparación e realización dos exames, garantindo así seguridade e saúde do alumnado.
Así mesmo, ata o domingo 24 de xaneiro, as bibliotecas centrais dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra amplían o seu horario de atención ao público e estarán dispoñibles os sábados e domingos en horario ininterrompido de 9.00 a 21.00 horas. Tamén abre co mesmo horario a biblioteca de Torrecedeira, pero neste caso o servizo restrínxese unicamente ao estudantado da Universidade de Vigo, de xeito que non se permite a entrada ao público alleo.