«Iridium», de Francisco Castro, elixido polo IBBY como un dos mellores libros sobre a discapacidade

La Voz REDACCIÓN

VIGO CIUDAD

O escritor Francisco Castro.
O escritor Francisco Castro. Oscar Vázquez

A obra formará parte dunha exposición na vindeira Feira de Boloña

07 dic 2020 . Actualizado a las 16:35 h.

A novela Iridium, de Francisco Castro (Vigo, 1966), vén de ser distinguida coa súa inclusión na Lista IBBY de Oslo como un dos mellores libros sobre o tratamento da discapacidade. Esta distinción concédese bianualmente e supón a incorporación do libro ao Catálogo do Centro IBBY de Documentación para Nenos con Dificultades Especiais, máis coñecida como Lista Outstanding Books,. Ademais, a obra formará parte dunha exposición na vindeira feira de Boloña, a máis importante do sector editorial infantil e xuvenil, así como doutras mostras itinerantes.

Iridium foi publicada orixinariamente en galego por Galaxia e conta con traducións ao castelán, o catalán e o éuscaro. A novela está protagonizada por Iris, unha adolescente que triunfa coa súa conta de Instagram. Pero os seus milleiros de seareiros non saben que a rapaza ten unha discapacidade como consecuencia dun accidente de tráfico. O libro de Francisco Castro ofrece deste xeito varias lecturas, como a dunha historia de amor e o descubrimento da identidade e a vida na adolescencia, xunto cun propósito de denuncia da hipocrisía que sofren moitas persoas que non son consideradas «normais».

Esta é a terceira vez que a obra de Francisco Castro é distinguida polo IBBY. O centro de Oslo xa incluíra no seu Catálogo O neno can, escrito xunto con Fina Casalderrey, mentres que Chamádeme Simbad entrou na Lista de Honra do IBBY 2012.