«Non son grafiteiro, son pintor, e levar a idea orixinal a un mural ten o seu traballo»

O artista vigués expón dende onte en dous espazos distintos da cidade coa idea das redeiras e o mar como pano de fondo


VIGO / LA VOZ

O artista vigués Darío Basso expón dende onte en tres espazos distintos, dous deles en Vigo. Na sede viguesa da Deputación, na rúa Eduardo Chao, presenta Redeiras, o proceso creativo previo a instalación do mural que preside a entrada do edificio. Na Galería Dúa2, en Marqués de Valladares, presenta Peche aberto, obra feita durante o confinamento. Finalmente, en Santiago de Compostela, na Fundación Torrente Ballester, mostra París 1987-1992.

-Teñen un nexo común as tres exposicións?

-Si o hai entre Redeiras e Peche aberto. A primeira conten os bosquexos que deron orixe ao mural, o proceso creativo do mural e os cadros resultantes do proceso creativo, que tamén se fixeron durante o peche, polo que hai unha continuidade no tempo, aínda que non plástica. Redeiras é froito dun traballo de investigación antropolóxica por atopar as orixes da rúa Chao, que era onde traballaban as redeiras. Esa investigación fíxena durante a Fase 2. En Dúa2 está iso máis uns traballos que fixen cando trasladei o meu estudo ao Morrazo; aí estiven traballando máis a paisaxe e a relación coa praia. A de Santiago estaba xa marcada na axenda da fundación hai anos, pero o directo nese momento, Miguel Fernández Cid, cambiou de traballo e se retrasou ata agora.

-Xa podería traela para o Marco, non?

-Estaría ben

-A idea de traballar sobre as mulleres do mar naceu durante o confinamento?

-Foi ao mesmo tempo. Durante o confinamento, eu vivía no Berbés, e cando abriron tiven a oportunidade de facer investigación a través dos veciños do Casco Vello.

-Houbo moita evolución no seu traballo dende os bosquexos ata chegar ao mural?

-Evolucionou moito o meu traballo. Quizais, nos bosquexos podemos atopar a estrutura. Eu non son un grafiteiro, son un pintor, e a plasmación da idea inicial no mural ten o seu traballo; trátase de trasladar o proceso pictórico a un espazo de 195 metros cadrados e tridimensional, é dicir, é unha intervención nun espazo arquitectónico. Iso altera completamente o traballo inicial; non é como outros traballos doutros artistas que teñen unha imaxen e a amplían. Aquí hai unha interpretación constante do meu traballo e unha investigación permanente dos procesos pictóricos da abstracción. Hai un decálogo de formas de traballo no mural que vai dende influencias de Clyfford Still, cos «chorreos» que eu trasladei un pouco como representación das mulleres redeiras, a Gerhard Richter, cos barridos. Inventamos un sistema para facer un barrido coa grúa. En todo hai unha lectura da historia da pintura abstracta, de como aplicar a pintura nun lenzo.

-Gústalle o muro como soporte artístico?

-Si porque é algo moi novidoso no meu traballo, pero o que máis me gusta é investigar como trasladar unha idea a un espazo tridimensional e con esas dimensións; é un proceso constante de investigación e de improvisación. Duchamp dicía que a distancia entra a idea orixinal e o resultado final chamábase «inframante», que é o intanxible, que é xustamente o creativo.

-O proceso creativo estivo mediatizado polo confinamento?

-Durante o peche eu tentei aillarme da realidade, especialmente da información tóxica; separemei das comunicacións co exterior para facer un traballo de introspección. Eu pensaba entón que era o que ía facer casi toda a sociedade. Na sociedade actual estamos vivindo sempre en conexión co outro, pero non con nós. Pensei que poderíamos atoparnos, e aplicalo despois na apertura. Eu fixen ese exercicio, mirando cara dentro, inspirándome no ceo. Iso o fixo nas Constelacións Miró durante a Segunda Guerra Mundial; retirouse fóra de París e fixo esa serie, mirando ao ceo para abstraerse da realidade tan dura que estaba a vivir.

-Como se sinte artisticamente neste momento?

-Dende que estou en Vigo noto maior liberdade, teño máis contacto coa sociedade e coa natureza, o que me aporta unha gran enerxía no meu traballo. Por exemplo, o traballo monocromo da exposición Redeiras está inspirado nos barcos. Cando corría polo porto alucinaba con cada detalle do porto por toda a efervescencia da cidade industrial e o decálogo de imaxes fortes e antropolóxicas que amosa. Todo iso é alimentación para o meu traballo.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Non son grafiteiro, son pintor, e levar a idea orixinal a un mural ten o seu traballo»