«O Casco Vello morreu e non resucita»

Xosé Lois Ripalda, autor de «Historias do meu arrabalde», recupera a memoria de personaxes que habitaron o barrio vigués cando era o verdadeiro centro da cidade


vigo / la voz

Aínda que Xosé Lois Ripalda (Carballedo, Lugo, 1940) non naceu en Vigo, tense gañado máis que de sobra o título de vigués e máis a PassVigo Ouro (se existira, que polo de agora, non) xa que é un dos seus moradores dende que tiña 10 anos e coñece ben a cidade. Máis que moitos nativos. O mestre xubilado, experto en etnografía e autor de varios estudios sobre a materia e de numerosos libros de contos, vén de publicar Historias do meu arrabalde, na colección de narrativa da editorial Ir Indo. Na obra, Ripalda lembra o barrio histórico de Vigo pero dun xeito pouco habitual, xa que non trata somentes de falar dos seus recunchos, senón de xentes que os habitaron e que foron, nunha determinada época, coñecidos pola veciñanza.

-Hai un tema que vostede recalca especialmente no libro. Di que Vigo son dúas cidades. A que se refire?

-Pois que hai cidades, como por exemplo Pontevedra, que son uniformes. Todo é parecido. Un pontevedrés sorprenderíase moito se alguén lle preguntase polo casco vello, porque é todo. Pero Vigo, como foi un recinto amurallado durante moito tempo, en concreto do 1656 ata o 1869, en que se derrubou o barrio vello, que mellor habería que chamarlle cidade histórica, colleu unhas características moi distintas do resto da vila, en edificios, rúas e todo. Por iso pódese dicir que hai dúas cidades ben definidas. Lugo ten murallas pero se fixo todo dunha vez.

-En Santiago tamén pasa e non tivo muralla...

-Certo, en Santiago pasa o mesmo. Hai dúas cidades. O casco vello é como unha illa.

-No libro hai 19 relatos. Canto hai de realidade neles?

-Todas teñen unha base real e o protagonista é o mar porque Vigo naceu do mar e dos barrios mariñeiros. Hai personaxes que existiron, como o Calcetas ou o Chaquetas, que era un home que andaba polo Berbés e vivía do refugallo, de recoller peixe e vendelo por aí, e de outros que non soportaron non poder pisar a area, xa que antes a ribeira estaba na porta das casas. Moitos non o resistiron. Nos relatos hai de todo: tráxicos, románticos e incluso alegres.

-Pero son historias que a vostede lle contaron?

-Non, a min non mas contaron. Eu o vivín case todo, aínda que, cando se escribe, sempre algo se engade do propio maxín. Pasei practicamente toda a miña vida en Vigo e este arrabalde tiña máis movemento que ningún outro, non era menos que en Príncipe. A bullanguería que había na praza da Constitución (onde había un mercado e unha feira cada mes) e na rúa Real, era tremenda. Esta estaba chea de negocios como Arca de Noé, farmacias, zapaterías, leiterías... un constante bullicio que deu lugar a moitas historias.

-E moitos bares había tamén, non?

-Si. Foi para a xuventude un punto de encontro durante moitos anos non hai tanto. A xente ía tomar o caldo a O Porco e a tomar a O Tumba unha brebaxe feita polo dono, ou A Guinda, onde se tomaba unha augardente cunha cereixa. Son sitios que a xente coñecía, como un zapateiro que os luns non traballaba pero se poñía na porta. Que se conten historias nas que o barrio sexa o protagonista, que eu saiba, é a primeira vez.

-O Casco Vello era onde se cocía todo?

-O Casco Vello era o centro. Era como a rúa do Príncipe. Agora xa non me gusta ir, sobre todo pola rúa Real. Dáme angustia porque a recordo tal e como era, e xa non é así. Din que se está rehabilitando, esa é a palabra que usan, pero eu penso que non: o que morre é difícil que resucite. Está ben que se recupere, pero hoxe o Casco Vello só ten vida cando vén un barco.

«Como socio do Celta desde hai 70 anos, recorrín todas as gradas»

Ripalda, fillo de militar, coñece a fondo Galicia. Traballou corenta anos en diferentes vilas da comunidade e de Asturias. Deles, doce en Sabarís e os últimos vinte, antes de xubilarse, no colexio Celso Emilio Ferreiro, no barrio de Coia. O autor tamén ten un amplo coñecemento doutros aspectos da cidade, que se reflexan en obras como a que adicou ás fontes de Vigo. Di que o máis perto que vivíu do Casco Vello foi na rúa Pi y Margall (Xeneral Aranda cando tiña casa alí), pero asegura que non era necesario vivir alí para saber o que pasaba, porque é que os vigueses estaban continuamente no barrio antigo.

-Tamén conta neste novo libro cousas da Reconquista...

-Si, pero iso non o vivín. Conto o que se sabe dalgún persoeiro que non é tan coñecido coma outros. Xoán de Villavicencio, que foi gobernador militar e evitou unha masacre entregando Vigo aos franceses e a cambio o encerraron no castelo do Castro, no que estivo tres años. Existía na zona da Pedra unha rúa adicada a el e quitárona, non sei por que. Na Reconquista niguén se acorda deste home e ben merece que non se esqueza.

-Está traballando agora nalgunha obra?

-Teño xa listo un libro sobre o Celta, que é outra das miñas paixóns tras 70 anos como socio. Vaise chamar Lembranzas do Real Club Celta. É outro xeito de falar de Vigo, é como o Casco Vello, dúas institucións. Eu aos partidos do Celta ía co meu pai dende neno. Como socio, recorrín todas as gradas. Agora estou en Río. Faime moita ilusión recordar algúns xogadores de antes que están esquecidos, como o porteiro ao que chamaban Padrón. Non é o Celta de agora, é o equipo de cando era un clube no que todos tiñan cabida, ata as señoras da limpeza.

 Orixe. Di con orgullo que é «de aldea». Naceu na freguesía de Erbedeiro.

Formación. Foi mestre durante corenta anos en moitos colexios de Galicia.

Obra. Ten publicados máis de dez libros (relatos, contos e investigación etnográfica).

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«O Casco Vello morreu e non resucita»