«Nos próximo 18 meses construiranse en Galicia 80 vivendas con madeira estrutural»

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

Xera repartirá este ano 1,7 millóns de euros en axudas para promover o uso deste material na construcción e nos envases

05 nov 2020 . Actualizado a las 09:28 h.

Crear valor na industria forestal foi o obxectivo co que naceu Xera, a Axencia Galega da Industria Forestal no ano 2017. A entidade repartirá este ano ao redor de 1,7 millóns de euros en axudas que promovan a construción de vivendas, naves industriais e locais comercias en madeira, pero tamén o deseño de envases e embalaxes para todo tipo de produtos, incluídos os alimentarios. «Nos próximos 18 meses, vanse construír oitenta vivendas e vinte negocios usando madeira estrutural», asegura o seu director, José Ignacio Lema.

—¿Cal é a función de Xera?

—Promovemos todo o que é a construción en madeira porque a UE entende que a construción tradicional no cumpre cos obxectivos de regulación climática e a da madeira si. A madeira certificada é un recursos sostible, que se pode restaurar e reciclar, e a súa produción ten un impacto ambiental negativa porque, ademais, a súa produción non ten impacto ambiental porque todos os seus residuos se volven a reutilizar e reciclar. Agora mesmo temos unha liña de axudas de 1,7 millóns de euros, cos que esperamos mobilizar máis de 13 millóns de euros.

—A UE aposta pola bioeconomía e aí ten moito que dicir a madeira.

—A UE está promovendo a bioeconomía circular e o uso de recursos sostibles. Toda a industria da madeira é circular, porque reutiliza todos os residuos. Nós estamos promovendo a construción de edificios privados e públicos con madeira estrutural. Temos o centro de saúde da Laracha, a escola A Baiuca da Estrada e colaboramos coa Universidade de Vigo na construción do que será o primeiro edificio de catro alturas con CLT.

—¿O futuro da madeira pasa pola construción e viceversa?

—En toda Europa se está impulsando a construción con madeira e hai unha corrente de mercado neses senso por diversas razóns. A primeira é medioambiental. Hai un estudo da Universidade de Finlandia que di que se substituímos o cemento por madeira se eliminan 55 millóns de toneladas de dióxido de carbono. Ademais é unha tendencia de mercado. A xente volve apostar por elementos naturais, que dan calidez, que manteñen a temperatura.

—¿Galicia conta con empresas para asumir estes novos retos?

—Agora mesmo si. Xa hai empresas coa tecnoloxía necesaria para ofertar no mercado produtos fabricados con CLT e outras que instalan produtos de madeira con todas as garantías. Xunto con Pemade fixemos xornadas de caracterización da madeira local e elaboramos unha ferramenta de software que permite calcular as estruturas de madeira. Xa hai un coñecemento de todas estas técnicas e temos empresas capaces de ofertar eses produtos. Agora o que tentamos é impulsar a súa demanda.

— ¿Falta que o consumidor demande eses produtos?

—Todo isto ten un efecto multiplicador. Este ano vanse construír, nos próximos 18 meses, máis de oitenta vivendas unifamiliares usando madeira, e máis de vinte negocios. A obra pública é importante porque é un exemplo onde a xente pode ver ese material e serve para quitar do medio esa mala prensa que tiña a madeira.

— Agora xa non é un material que de problemas ou teña un elevado custo de mantemento

—Agora hai tecnoloxía que ten axudado a superar todos os inconvintes que tiña a madeira, tanto no interior coma no exterior. Hoxe hai tratamentos que aguanta as inclemencias do tempo e ten un mantemento baixo, igual ao que pode ter o cemento. De feito, o custe de mantemento que ten actualmente a madeira é menor ca o de outros materiais e ten a vantaxe de que é moi bo illante.