«Unha pedra para min é un tesouro»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

Ía para mestra ou psicóloga, pero a historia fascinouna. A arqueóloga Elisa Pereira adícase a descubrir e estudar a riqueza agochada baixo os nosos pés. «Hai que divulgar máis sen mercantilizar o patrimonio»

10 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coma «detectives», pero non ao estilo Indiana Jones. «A referencia de Indiana Jones fixo moitos estragos, a realidade do noso oficio non se asemella ao personaxe». Así desminte Elisa Pereira (Vigo, 1970) os clichés dunha profesión descoñecida para moitos. Os arqueólogos son os grandes incomprendidos do estudo da historia. Son eses profesionais que moitas veces obrigan a parar unha obra se hai un achado relevante, para enfado dos promotores, pero tamén os que pasan meses nunha excavación procurando valiosos tesouros que son insignificantes para moitos. «Para mín unha pedra do paleolítico é un tesouro, e para outro só é unha pedra. A min impórtame o valor antropolóxico, non o económico».

Cando un viandante camiña por rúas como as do Casco Vello de Vigo non repara normalmente nas pedras subterráneas. Restos de civilizacións de hai 2.000 anos que marcaron o noso presente decidindo un asentamento que xa ninguén cuestiona. Poderíamos aplicalo a outros barrios históricos da provincia. «Para saber se algo ten valor, ten que ter contexto. Non ten valor algo simplemente por ser antigo, importa onde se atopa o obxecto, se hai un xacemento preto, algún topónimo que pode facer referencia… Hai que ver o contexto». De aí que estes profesionais teñan que ter un amplo coñecemento histórico. «É un traballo especializado, como calquera outro. Temos que tratar de interpretar o que vas localizando, ser detective no bo sentido da palabra. O malo é que ás veces faltan medios e recursos para chegar ao final». Que é o final? Sacar conclusións que contextualicen o achado, lle dean valor social e supoñan un avance no estudo das formas de vida que nos precederon. «A xente o valora despois. O recoñecemento ven cando a xente ve o traballo rematado, as pezas recollidas nun museo e se interesa pola profesión. Mentres tanto non se entende que removas a terra, que teñas unha obra parada non sei canto tempo...», confesa.

Lugares que hai que visitar

O xacemento do Castro, as salinas de Rosalía de Castro, en Vigo, a Pedra da Moura, en Coruxo, as mámoas de Candeán... Pereira defende que espazos coma estes deberían ser referencias coñecidas e visitadas para a maioría da poboación. Por desgraza non é así. «Moitas veces os conxuntos pasan desapercibidos, non están sinalizados. E cando as autoridades sinalicen, que teñan en conta se o melloran e se é accesible. Temos conxuntos que son inaccesibles en coche e autobús, habería que acometer estructuras despois de avaliar se hai unha rendibilidade social e económica. E tamén avaliar o impacto social dun xacemento para evitar o que ocurriu na praia das catedrais». O debate sobre a divulgación e a conservación está servido. Hai que crear espazos turísticos de visitas como o parque arqueolóxico de arte rupestre de Campolameiro? Para esta experta a resposta é non. «Coa inversión dese parque se poderían levar a cabo recuperacións en centos de parroquias. Aprovéitase a necesidade de divulgar para acometer obras faraónicas. O primeiro ten que ser divulgar, pero non mercantilizar o patrimonio».

Pereira é membro do Instituto de Estudios Vigueses, unha institución onde se trata de pór en valor o patrimonio arquitectónico e industrial de Vigo. «Dende o Instituto se recolle a información pero ten que haber máis colaboracións, convenios e subvencións para salvar elementos que están a piques de caer. O 70 % da poboación de Vigo podería vivir do turismo, temos todos os elementos, pero hai que saber promocionalos. Temos de todo: non só o Vigo urbano, o Vigo das parroquias co seu patrimonio, etnografía, paisaxes, miradores…».

Nesa vocación de divulgar, Elisa Pereira editou un conto, A pantasma de Brandemirán, xunto con Evaristo Pereira. Un intento por espertar vocacións entre os máis cativos, novas xeracións que xa non reciben tantos estímulos orais do patrimonio inmaterial galego como noutro tempo. «Quixen recoller dun xeito lúdico aos cativos aquelo que é tradición. A idea era facer un proxecto maior pero non saiu. No libro aparacen recollidas cantigas dos ferreiros. A idea é divulgar a tradición dun xeito ilustrativo».

Elisa ía para mestra, ou para psicóloga. Finalmente acabou estudando historia e aprendendo o que é unha excavación. A día de hoxe, é autónoma, e das poucas mulleres adicadas a este oficio. «Si eres autónoma tes que sair á caza coma os do paleolítico para sobrevivir todos os días. Hoxe en día a Administración prefire contratar con grandes empresas que con autónomos. Cada vez o mercado está máis complicado. O camiño non é facil e entendo que non haxa mulleres neste campo». Ten un perfil atípico: Científica e cristiana, «practicante sempre que podo», aclara. O seu libro de cabeceira é a Biblia: «É unha referencia para os arqueólogos». A súa é paixón pola historia, en tódalas súas facetas.

 A súa canción favorita

«Un beso y una flor», de Nino Bravo. «É unha canción esperanzadora, aínda que moitos pensan que é unha canción de despedida. É un tema que me da esperanza, eu sempre a teño, aínda que as veces as ilusións se perden, pero hai que ter a esperanza».