Intriga e memoria na Limia


O escritor limiao Cándido Paniagua aborda en 48 horas a súa segunda entrega narrativa tras O caderno de erros (2018), que se presentara como unha novela de suspense co pano de fondo da cidade de Vigo. Precisamente moito ten que ver esta novela que nos ocupa tanto co xénero apuntado como co pano de fondo da terra natal do escritor, ao xeito do que fixeron no seu día voces como as de Carlos Casares, Antón Riveiro Coello ou Rafael Laso, por só citar algunhas.

48 horas é unha proposta atinada e exhibe diversos elementos de interese. O primeiro, talvez, sexa o de situar o argumento por volta do mundo lendario das Torres da Limia: velaí a cidade somerxida de Antioquía ou a lenda do rei Artur, elementos históricos soldados con eficiencia neste libro e que contribúen a salvagardar e ampliar a súa memoria. O autor faino, ademais, acaroándose con soltura ao xénero da novela xuvenil de intriga ao xirar boa parte da trama arredor da desaparición dun mozo de 16 anos e os esforzos realizados para dar co seu paradoiro nun prazo máximo de dous días, desenvolvéndose aí unha imaxinativa trama paralela cun arrecendo ao clásico «xogo dos tesouros».

Paniagua, así pois, desenvolve con acerto as posibilidades que ofrecen diversos recursos como son o mundo audiovisual -ben reflectido ao fío da gravación dun documental-, noticias de carácter xornalístico, a comunicación dixital e a relevancia das redes sociais para os diversos personaxes que por aquí circulan, individualizados con solidez e verosimilitude e moi achegados aos diversos perfís e condutas -o desarraigo, ás veces o desamor ou a propia identidade- que os adolescentes poden experimentar. Ao tempo, non dubido en apuntar como un mérito a dosificación acaída que se fai da trama para que a historia flúa con axilidade, pois o paso veloz do tempo resulta, unha das forzas motrices desta recomendable 48 horas.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Intriga e memoria na Limia