Alta costura feita na aldea da man dunha modista boirense

laura m. gómez RIBEIRA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

MARCOS CREO

Mónica Vigo inspirouse no despoboamento do rural para deseñar as prendas da súa última colección de outono-inverno

02 oct 2020 . Actualizado a las 14:07 h.

Se aínda queda alguén que pense que a moda e o rural son conceptos antagónicos é porque non coñece o traballo de Mónica Vigo. Esta deseñadora, natural de Boiro pero afincada no municipio de Rois, elabora prendas de alta costura dende o pequeno taller que ten na súa casa da aldea, concretamente a dos seus avós maternos. «Aquí creo e fabrico todas as pezas da miña marca. É o meu refuxio», conta a modista. Agora vén de sacar á luz a súa cuarta colección.

Precisamente o rural é a súa principal fonte de inspiración. «Nesta nova liña de roupa intento reflectir o despoboamento das nosas aldeas», afirma a boirense, un tema que lle toca moi de cerca. Marchou para formarse como modista a Santiago e probou sorte noutros eidos, pero hai unha década regresou ao punto de partida: Boiro. «Abrín unha tenda de teas e alí as miñas clientas pedíanme que lles confeccionase eu as súas prendas», explica Vigo. Con moitas ideas na cabeza, comezou o seu propio camiño na moda no ano 2018 e, dende aquela, xa presentou unha colección inspirada na poesía, outra na soprano peruana Imma Sumack, e unha terceira con acenos ao patrimonio relixioso galego.

E como se plasma todo isto nos seus deseños? Nesta última liña outono-inverno, a boirense aposta polas asimetrías, «que reflicten a arquitectura», e por elaborar prendas incompletas, unha clara referencia «a aqueles que se foron do noso rural e deixaron un baleiro». Vigo tamén recupera tecidos de alta calidade, como a la e o tapiz, e as guatas. «Pretendo que as materias primas que utilizo conten historias, que sexan atemporais e se poidan ter no armario despois de 15 anos», conta a boirense.

Dúas tallas por prenda

É a moda slow fashion, que promulga un consumo responsable e consciente. Iso si, sen perder a exclusividade, pois Vigo só comercializa dúas tallas de cada unha das 13 prendas que compoñen esta última colección. Son principalmente prendas exteriores: un abrigo, un traxe, varios vestidos e mesmo un suadoiro a conxunto cunha saia. Fai tamén un aceno ao máis artesanal, cun bolso de crochet elaborado en la 100 % de orixe nacional, coma todos os tecidos cos que traballa a modista.

Son cada vez máis voces no mundo da moda as que comparten esta visión de repensar os tempos de produción, coidar os materiais e apostar pola calidade fronte á cantidade. Tamén os consumidores son máis conscientes. «Agora a xente pregúntase que hai detrás da marca antes de comprar. É certo que as opcións sostibles non son as máis baratas, pero todo é cuestión de educación», afirma Vigo. Detrás do seu traballo, teno claro, «hai compromiso social máis que estético e moito amor pola cultura propia».

«Crear en plena pandemia foi unha carreira de obstáculos»

Mónica Vigo decidiu parar en decembro e non preparar a colección primavera-verán do 2020: «Ía demasiado rápido, non estaba gozando do proceso de creación». A mala sorte ou a casualidade fixo que este período de pausa se prolongase a partir de marzo por mor da situación sanitaria. «Crear en plena pandemia foi unha carreira de obstáculos», afirma a empresaria. Se para bosquexar os seus deseños o encerro foi positivo, non sucedeu o mesmo cando chegou a hora de confeccionar as pezas.

Os provedores dos seus materiais, todos nacionais, non podían enviarlle a mercadoría que precisaba. Incluso moitos dos seus pedidos se perderon e «xa son irrecuperables». A pesar dos atrancos, a nova colección saíu adiante. Vigo aproveitou este tempo para modificar o logo da súa marca e modernizou a súa páxina web, onde comercializa os seus modelos. Tamén conta cunha tenda física, situada na cidade de Pontevedra.

A modista pretende manter este ritmo tranquilo no futuro e non entra dentro dos seus plans a creación de dúas coleccións anuais, como é costume no sector. «Sería contraditorio coa calma que esixe esta filosofía slow fashion que intento aplicar», explica a boirense. O seu próximo proxecto non verá a luz ata o próximo ano, cando saque unha nova colección de outono-inverno, que é «na que me sinto máis cómoda creando».