Alumnos de Aeroespacial crean un equipo de aeromodelismo

La Voz OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

DUVI

Un grupo de 18 estudantes lanza o seu primeiro prototipo

21 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de 18 estudantes do Grao de Enxeñaría Aeroespacial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense conforman o primeiro equipo de aeromodelismo creado na Universidade de Vigo. Formado pouco antes da declaración da pandemia do coronavirus e co nome de UVigo Aerotech, o equipo estivo traballando durante estes meses no deseño do aeromodelo e afronta o novo curso académico lanzando o deseño do seu primeiro prototipo, chamado AZOR-0. O aeromodelismo, explican desde o equipo universitario, é un deporte de competición con avións de pequeno tamaño non tripulados que se basea na investigación dos principios aerodinámicos e a súa adaptación á construción dun aeromodelo capaz de superar as probas das distintas competicións no eido estatal e internacional. A idea de pór en marcha un equipo propio, comentan desde UVigo Aerotech, xurdiu da man do profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo Guillermo Rey: «Propuxo crear un equipo de aeromodelismo co obxectivo de participar en competicións interuniversitarias, que funcionase de maneira similar a outros proxectos da Universidade de Vigo, como UVigo Motorsport». Entre este profesor e o alumno da escola Alejandro Sanz, engaden, «fóronse perfilando as liñas xerais do equipo».

«O noso proxecto, como equipo deportivo, baséase nos valores que rexen este tipo de competicións, destacando o traballo en equipo, o respecto e a deportividade. Tamén como equipo universitario defendemos o fundamental labor de I+D+i para a nosa competición e polo tanto aplicámolo en todos os departamentos do proxecto», subliñan os membros de UVigo Aerotech. Ademais, comentan, «resulta unha iniciativa moi beneficiosa para o alumnado de Enxeñaría Aeroespacial, xa que constitúe unha formación complementaria para os nosos currículos e para o futuro laboral». Por outra parte, engaden, e dado que se trata dun equipo integrado tanto por alumnos como por alumnas da Universidade, os membros da iniciativa recalcan como «cremos firmemente na consecución da igualdade de xénero no mundo da enxeñaría e a tecnoloxía». O equipo traballa dividido en cinco departamentos.