«Se podemos facer o cento por cento das clases presenciais, farémolo»

Carlos Punzón
Carlos Punzón VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

Arranca con máis alumnos en primeiro que calquera outro curso anterior

13 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A Universidade de Vigo vén de crear un campus remoto que reproduce de xeito virtual cada aula e despacho. É a ferramenta disposta por se o coronavirus confina aos alumnos de novo ou para compaxinar as clases presenciais coas telemáticas cando non se poidan gardar as distancias. «Todo vai estar preparado para o día 21», di o reitor, Manuel Reigosa (Vigo, 1958), para un curso no que se ten disparado a matrícula «sorpresivamente». Clases con biombos, test PCR, protectores individuais para que todas as prácticas sexan presenciais, conversión en aulas de salóns de actos e ata cafeterías, ou códigos QR para seguir posibles contaxios están dispostos para que os alumnos volvan aos campus. «Se podemos facer o cento por cento das clases presenciais, farémolo», advirte.

-Cantos plans B manexa para este curso do coronavirus?

-Temos tres escenarios contemplados: co que arrancamos, ca idea de primar sobre todo a presencialidade; outro ante un posible confinamento dalgún grupo ou titulación, con clases on-line, e un terceiro de case normalidade, que espero academos na segunda parte do curso. Creo que estamos razoablemente preparados.

-A calidade do ensino pode quedar condicionada pola pandemia?

-A universidade pública española é de alta calidade. Do curso pasado saímos moi ben, alumnos cunha boa formación e con porcentaxes de éxito semellantes a anos anteriores, pero con moito esforzo do profesorado e monumental do alumnado. Algunhas prácticas que non se puideron facer estanse a celebrar agora mesmo, incluso xa do novo curso para adiantar por se hai problemas.

-Quedarán marcados cara o camiño laboral os alumnos graduados na era covid?

-Non, porque o nivel de exixencia é semellante. Non houbo aprobados xerais. O esforzo para aprobar en remoto foi moito maior que en anos anteriores incluso. Os representantes dos alumnos pediron axudas técnicas e soportes para seguir estudando, pero eles son os primeiros interesados en que non se desvaloricen as titulacións.

-A que atribúe que suba o número de matriculados agora na Universidade de Vigo, cando está a baixar noutras?

-Agora mesmo temos máis alumnos en primeiro que en calquera dos cursos anteriores, con titulacións que subiron espectacularmente [máis de 5.000 inscricións en Enfermaría]. Hai alumnos que decidiron non ir a universidades de fóra por se hai novas restricións de movementos ou peches, como hai menos Erasmus. Tamén saben que na Universidade de Vigo temos creado ferramentas para esta situación, fixemos os deberes, ven seriedade e a nosa oferta é clara e os resultados académicos acadados están aí e son comparables.

-E os cartos, chegan?

-Precisamos tres millóns de euros por riba do habitual para dedicalos a afrontar esta situación creada polo covid. Case un millón o ten adiantado a Xunta e esperamos que o Ministerio aporte case que outros dous.

-Falando do ministro, estivo desaparecido para os reitores?

-Non entro en temas políticos, pero a universidade trátase dunha competencia autonómica. Non sabería dicir cantas veces xuntámonos coa conselleira durante esta pandemia, pero polo menos unha á semana. Ao ministro tócalle un reto importante como é o rexuvenecemento dos cadros de persoal e propiciar novos investigadores, e outro reto é a organización das titulacións, un mapa que quedou vello.

-Vostede sempre remarcou a importancia que lle outorga a conseguir fichaxes para a Universidade de Vigo.

-Temos feito fichaxes a distintos niveis. Mozos que están a comezar a súa carreira doutoral pero que xa teñen un nivel elevado, e profesionais que contan cun recoñecemento internacional. Pero é difícil, a universidades española non conta con moitas ferramentas para fichar cerebro. Pero hoxe estou moi satisfeito pois acabamos de fichar a dous investigadores de moi alto nivel: un italiano do ámbito xurídico-social para Económicas no campus de Pontevedra, ben financiado ademais, e unha bióloga que foi formada parcialmente en Vigo que ven de Alemaña. E antes de fin de ano espero contratar a algún investigador máis da crème de la crème, como o fixemos a outros tres de ese nivel nestes dous anos. Non é fácil, hai universidades con moitos cartos, nós aportamos proxectos serios. É fundamental captar cerebro, ten un efecto de arrastre e estímulo importante. Son a guinda.

-Está inmersa a universidade na investigación paralela ao covid?

-Tivemos un éxito extraordinario no financiamento de proxectos como o da presenza do coronavirus en augas residuais ou a creación de sistemas de poling [análise masivo]. Os nosos investigadores puxéronse as pilas.

«Non descarto crear un campus da Saúde. A oferta de titulación dese campo en Galicia queda un pouco curta» 

 

A Universidade de Vigo ten unha imaxe asociada á tecnoloxía, pero as catro escolas de Enfermaría, unha permanente demanda de prazas en Fisioterapia, o interese creado en Enxeñería Biomédica ou a vinculación á área sanitaria están a abrir unha nova porta cara as ensinanzas da saúde.

-Descarta ir máis lonxe e crear algún día un campus da Saúde ou é unha charca na que teñen pactado non meter os pes?

-Pois non, eu non descarto nada. É unha posibilidades e é obvio que as titulacións de Ciencias da Saúde agora mesmo están despuntando e a oferta que hai no sistema universitario de Galicia queda un pouco curta. É algo que hai que negociar e aínda non está aberto ese proceso. Pero non, eu non o descarto. Temos ademais un centro de investigación biomédico, o Cinbio, que traballa moito co hospital Álvaro Cunqueiro do que estou moi orgulloso e é unha pata de investigación pola que debemos apostar.

-O Cunqueiro é o cimento no que podería sustentarse ese campus da Saúde.

-Os profesores que imparten alí docencia dentro de Enxeñería Biomédica, que está collendo moito pulo, son xa seleccionados por nós.

-Teme á competencia da universidade privada que comeza a nacer en Galicia?

-Hai un ordenamento xurídico que permite as universidades privadas es as públicas. A partir de aí, as decisións son dos políticos.

-Pero oponse?

-Non, pero creo que no sistema universitario público de Galicia, que defendo, non votamos en falta ningunha titulación que non se cubra. Non é preciso, non fai falta unha universidade privada, porque pódese estudar xa case todo e a uns prezos baixos ademais. Pero se se fai a privada, tería que xogar cas mesmas regras de xogo que as públicas, por exemplo en titulacións. Se se crea con titulacións que xa existen, será una perda de recursos. Pero se ofertan Medicina non podo dicir o mesmo, porque hai estudantes galegos que marcha a estudala fóra porque aquí non se atende esa necesidade.

«Temos que apostar por unha Universidade de Vigo entre as 400 mellores do mundo» 

O reitor vigués toma os ránkings de universidades como un termómetro de como está a institución e un acicate para mellorar. Ve a de Vigo pronto de novo entre as 500 mellores do mundo, pero aspira a situala no top 400.

-Dálle importancia a volver a estar no ránking das 500 primeiras universidades do mundo ou é unha cuestión mediática?

-Nunca me negarei a participar con interese nun ránking porque sería como dicir ‘que inventen eles'. Non hai que volverse tolos, pero é unha ferramenta de autoanálise e con efecto dinamizador que serve para saber que estás a facer ben e en que precisas fortalecer. E serve ademais para captar talento, tanto de alumnado como de profesorado.

-Cal é o posto no que cre debe estar a Universidade de Vigo?

-Hai que ser ambicioso nos proxectos de mellora. Temos que apostar por unha Universidade de Vigo entre as 400 mellores do mundo. Non estamos lonxe das 500 mellores, pero hai que intentalo para que o noso nivel de investigación, talento captado e desenvolvemento estea a ese nivel.

-Pensa en titulacións novas para ofertar e gañar estudantes e profesores? Que pediría para a Universidade de Vigo?

-Non o debo dicir. O mapa de titulacións vaise a abrir en breve e penso que hai que discutilo bona fide, cada un coas súas propostas e que tenten cubrir as necesidades do país para facelo mellor e fornecelo. É unha negociación a varias bandas e non a vou debatela na prensa. Está claro que hai titulacións que nos gustarían.

-E automoción por que non? Con PSA e a industria auxiliar que ten Vigo e a área sur.

-Está exposto, acordado e si, implantarase en Vigo unha enxeñería dual do automóbil.