O radar

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

06 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu nome sairá a relucir na cea de Nadal da Policía Local de Vigo: a súa paga extra non existiría sen as miñas cinco multas no radar de Samil 37. Non pensen mal: só son unha nai abnegada que levaba as fillas a un campamento. Agora xa saben que son tamén unha abnegada cidadá con orgullo olívico (por favor, alcalde, léame): procuro sempre patrocinar, a través da miña loucura automobilística, uns millóns de leds. Sigo falando do Nadal vigués, por suposto, un soño invernal que demostre que hai unha vida posíbel con pandemia, sen radares, sen sol, sen vida.

Ao que ía: cinco multas no mesmo radar cinco días á mesma hora, relixiosamente pagadas a través da web do concello que, debidamente, me lembra mentres cobra que, malia todo, haberá Nadal. Emociónome. Unha lágrima escorrega por esa felicidade estúpida das ateas marxistas que vivimos o Nadal coma se non houbera un mañá no 1 de maio. Pago os meus 250 euros mentres calculo que as mechas na de Mara terán que agardar un mes máis. Mágoa, agora que lograra poñer á raia esta hipocondría absurda que me mantiña lonxe de lugares onde usasen laca en vez de Sanitol.

Poño o número de tarxeta e clico. Penso nos momentos felices das miñas fillas, e no minuto que gañei indo a 53 km/h por escoitar esa amiga confinada que antes non puido falar, nas postas de sol tralas Cíes en Samil que non se pagan con milleiros de multas, e, sobre todo, nese meu abnegado patrocinio do Nadal.

Todo isto non se paga cuns cantos leds. Alcalde: merezo ser Raíña Maga despois das miñas cinco multas. Quen mellor ca esa louca que pasa a 53 km/h polo radar porque pensa que o ano da pandemia a policía merece felicidade, os vigueses luz, e os meniños alegría?