«As máscaras tapan a risa e é difícil ver como está o público»

juan pedrouzo / O. P. LALÍN / LA VOZ

VIGO CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

Fran Campos volverá a interpretar ao Padre Merino no seu monólogo humorístico mañá venres ás 21.00 horas en Vigo

06 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O cómico galego Fran Campos leva anos interpretando ao Padre Merino, un extravagante e peculiar sacerdote. Mañá, volverá a Vigo co seu espectáculo A.M.E.N., un monólogo cómico que mestura humor, maxia e música en directo. A función será en La Ilusión Bar, a partir das 21.00 horas e a entrada custará tres euros.

-Como está sendo regresar aos escenarios?

-A primeira actuación que tiven tras o confinamento foi hai dous meses, en streaming dende o teatro de A Estrada. A primeira con público en directo foi o pasado domingo en Ourense, ao aire libre. Pero esta será a miña primeira actuación nun bar despois de cinco meses e iso é moi distinto. A ver que tal...

-Tivo que cancelar moitas actuacións?

-Durante o confinamento só tiven que aprazar unha. Pero agora os programadores de eventos andan con medo e entón hai menos plans. Nun ano bo eu podo chegar a facer ata 48 actuacións anuais. Este 2020 non creo que chegue ás 15.

-Supoño que será raro actuar para un público con máscara.

-Falando claro, é unha faena grande. Coa cara tapada, pérdese gran parte da comunicación. As máscaras tapan a risa, entón é unha situación estraña porque é difícil ver como o está pasando o público. Por iso, a solución é que os cómicos redobremos o noso esforzo para que a enerxía positiva que mandamos veña de volta e poidamos notala.

-Tivo que modificar o espectáculo do Padre Merino polas medidas de seguridade?

-Esta é unha actuación na que o público participa moito, tanto que eles fan a metade do traballo. Entón si, había un momento no que subía a alguén ao escenario e iso tiven que quitalo.

-Como naceu esta figura?

-Foi nun curso no que estaba en 2007. O profesor pediunos unha improvisación e a min déuseme por facer de cura. Como gustou, presenteino a un par de concursos e o personaxe foi medrando ata que un amigo me axudou a montar un espectáculo coa idea de ir facéndoo nos bares. E dende entón, xa levo 10 anos con el e máis de 400 funcións.

-Tes outros personaxes destacables?

-No meu programa de humor en Radio Estrada interpreto a unha señora maior chamada Gerundina, que creo que é co que máis tempo levo. Na miña compañía de teatro Bandullo Azul facemos un espectáculo de música e contos para nenos, cun monicreque chamado Filipa que tamén funciona moi ben.