«Como estableces a túa vida aquí pasados os trinta sen emprego fixo?»

O ourensán Mauro Rivas obtivo unha beca da Fundación Barrié para continuar cos seus estudos en Inglaterra

r. n.
OUrense

Mauro Rivas Ferreiro, nado en Ourense no 1996, é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Vigo. Xusto ó rematar o seu mestrado en Biotecnoloxía Avanzada, acaba de recibir a beca da Fundación Barrié para estudos no estranxeiro. O seu futuro está agora na universidade londiniense Queen Mary, onde poderá especializarse na que é a súa paixón dende hai xa catro anos: os fungos.

-Como coñeceu a beca?

-Creo que a vin nun cartaz en segundo de carreira. Sempre apunto tódalas axudas que escoito, teño un caderno cheo de becas. Un dos problemas da ciencia é o financiamento, e eu sei que a miña familia non me pode financiar os estudos indefinidamente.

-Que procedementos tivo que seguir?

-Hai que escribir unha carta bastante filosófica, de onde ves e a onde vas. Tamén entra en xogo o expediente, pero fíxanse máis no teu plan de futuro. Despois da carta hai unha entrevista con xente da Fundación, que este ano foi online, claro.

-Marcha ó estranxeiro cunha beca para seguir estudando, pero moitos mozos galegos rematan tendo que traballar fóra. No seu caso, vese volvendo a Galicia nun futuro?

-Esa é a miña idea. Os investigadores ven retrospectivamente a emigración como unha oportunidade, pero nós rematamos a tese con 26 ou 28 anos, facemos unha etapa post-doutoral fóra e volvémonos a España con moita sorte pasados os trinta. Como estableces a túa vida aquí con esa idade, sen ter un emprego fixo? Eu véxoo como algo positivo, pero a min interésame volver. Non só pola miña familia e amigos, senón porque se tódolos galegos están contribuíndo para que eu poida estudar e investigar, quero volver. Quero que cando volva as miñas investigacións teñan un retorno para a sociedade galega, producir para a sociedade galega. Paréceme o mínimo que podo facer.

-Semella que non se relacionan os recursos humanos cos recursos produtivos. A economía está moi centrada no turismo e no sector servizos.

-Si, un dos problemas que estamos tendo aquí é a fuga de cerebros. Nin sequera me inclúo nisto, pero hai xente moi boa que está polo mundo adiante facendo as súas investigacións e revertendo economicamente noutros países. Aquí fáltanos inversión en I+D+i e fáltanos a visión cara o futuro. Invertemos no presente, que é o que da cartos, pero eu penso que hai áreas como a micoloxía que van dar moito traballo de cara a uns anos. Tamén fai falla estabilizar ós traballadores. Estes días saíu a noticia de que dimitiu toda a cúpula do Instituto de Investigacións Oceanográficas, que en Vigo é unha institución importante. A xente que traballa alí non sabe que vai pasar. Non é normal esa inestabilidade, chegar ós 45 anos con fillos e parella e non saber que facer coa túa vida.

-Pensa que é algo exclusivo desta xeración?

-En parte si. En bioloxía unha das saídas máis atractivas é a investigación, porque se a xente ten un interese poder indagar nel é moi bonito, con cartos públicos, claro. Agora hai máis investigadores que antes, pero tamén hai moitas máis oportunidades. Antes non se invertía tanto en I+D+i, pero agora poderíamos estar investindo aí e sacando traballos e PIB. A cuestión é que non se está a facer.

«Galicia é unha zona riquísima en setas, perder ese coñecemento sería unha pena»

A micoloxía, ciencia que estuda as fungos, ten moito potencial en Galicia, unha zona frutífera en canto á diversidade e á cantidade de cogomelos existentes. Porén, cada vez son menos os investigadores dedicados a esta área tan peculiar e achegada. Rivas destaca a aportación do laboratorio que dirixe en Vigo Marisa Castro.

-Onde e cando xorde ese interese tan concreto por unha especialidade como a micoloxía?

-Eu dende pequeniño saía co meu pai a coller setas, pero a un nivel totalmente afeccionado. Coñeciamos dúas especies e só collíamos esas. Foi na carreira cando me atopei con xente que traballaba en serio con elas, investigaba a diversidade. Entón metinme no laboratorio e a directora, Marisa Castro, acolleume cos brazos abertos. Isto foi en terceiro de carreira, e estou na micoloxía dende entón.

-Ó ser un tema tan concreto, non haberá moitos expertos en Galicia.

-É unha pena, pero non. Houbo un bum a finais do século pasado e apareceron moitos investigadores, pero fóronse xubilando. A última que queda é precisamente a doutora Marisa Castro, a directora do meu laboratorio, que se xubila o ano que vén. A partir dese momento as universidades galegas quedarán sen ningún experto en micoloxía.

-E como ve o futuro a longo prazo?

-A min o que me gustaría sería volver e crear un equipo multidisciplinar de micoloxía. Non pretendo estar eu só, senón formar a máis micólogos do futuro. Paréceme que non deberíamos perder iso, temos unha zona riquísima en setas, calquera que saia ó monte sabeo ben. Todo son especies incribles, moi diversas, temos especies típicas de zonas moi concretas, e perder ese coñecemento sería unha pena.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Como estableces a túa vida aquí pasados os trinta sen emprego fixo?»