«A vingaza acaba destruindo a un mesmo»

Manuel Esteban vén de publicar en Xerais a súa terceira novela, na que a trama volve xirar en torno ao expolicía Carlos Manso, que nesta ocasión abre unha porta cara ao seu pasado en Canarias


vigo / la voz

O investigador Carlos Manso volve pasear as rúas de Vigo dirixido pola pluma literaria e a imaxinación de Manuel Esteban (Vigo, 1971) en A vinganza dos homes bos (Xerais, 2020). O título vén dunha cita atribuída a Miguel de Unamuno que di: «O perdón é a vinganza dos homes bos». Tras o seu anterior libro, Meu nome é ninguén (Xerais, 2018), no que falaba de aspectos relacionados coa pederastia, o sufrimento humano e a culpa, Manuel Esteban quixo afondar en cuestións tanxenciais, como a vinganza, pero non a enfoca dun xeito cru, como fixo Pedro Feijoo en Lume azul. «A min interésame máis esta outra aresta do problema da vinganza, de como a vinganza acaba destruíndo a un mesmo. Eu falo destas cousas, pero dende a perspectiva do perdón, concretamente, do perdón a un mesmo, que pode ser o máis complicado de todos porque está soterrado debaixo da culpa, que non é outra cousa que unha vinganza contra nós mesmos», explica dun xeito moi claro o autor.

A nova obra do escritor vigués é a terceira entrega do expolicía Carlos Manso, aínda que todas son independentes. De feito, o personaxe naceu en A ira dos mansos (Xerais, 2016) como unha ferramenta para abordar a discapacidade intelectual. «Naceu como un personaxe de novela negra canónico, un policía moi enfadado coa humanidade por mor do seu traballo, pero con certa capacidade de cambio», sinala Manuel Esteban. «Na súa orixe estaba esa capacidade de resiliencia, que se di agora. Foi o que me permitiu seguir traballando con el na segunda e na terceira novela. O que ocorre con este tipo de personaxes antiheroes e autodestrutivos é que so teñen unha dirección na que poden camiñar: cara abaixo», engade o autor.

Fuerteventura, en 1998, e Vigo, en 2018, son os dous escenarios e os dous tempos empregados polo autor para contar a súa historia. É unha estrutura ben diferenciada e tamén numerada independentemente nos seus capítulos, aínda que ao final todo conflúe, capitulación incluída. Eses saltos no tempo axudan a escrutar ao personaxe principal, pero tamén a adentrarse en cuestións máis alá da resolución dunha trama. «Escribir unha novela non é facer unha redacción; o día que non teña nada que contar deixarei de escribir porque esa é a premisa fundamental», sinala. O di porque o seu xeito de atacar a novela negra vai máis ala do crime inherente a todas elas. «Na novela negra hai varios enfoques, non só levantando acta notarial das miserias que temos ao redor, que non é pouco, senón indo un pouco máis alá e obrigando ao lector a posicionarse, aínda que podes caer na ‘moraleja’, algo que non é moi do meu agrado, pero creo que é inevitable; non consigo facelo doutro xeito mais que obrigándome a min mesmo e ao lector a posicionarse. A estética valeira non é onde eu encaixo», sentencia Manuel Esteban, aínda que o fai a modo. Nesa posición, o escritor vigués fai distingos respecto a equidistancia. «Pode entendela nun contexto de opinión, pero nunca de feitos. Cando falamos de feitos é filla bastarda da obxectividade; ademais, o punto medio entre a verdade e a mentira segue a ser mentira. Eu son inimigo dese concepto de equidistancia, que no fondo o que agocha é, no mellor dos casos, covardía», di.

O Vigo esquecido

Por debaixo de todo está Vigo, e nesta ocasión, Manuel Esteban quixo mostrar aos seus lectores dous túneles esquecidos, o que pasa polo canellón dos Caños e o túnel do ferrocarril do peixe, «Cando empecei escribir, empreguei os vimbios que para min foron os máis sinxelos, os escenarios que tiña diante de min e máis coñecía para facilitar o proceso de creación», apunta. «Seguindo cos personaxes tiña tamén que seguir con esa ambientación. Máis alá desa cuestión facilitadora, é evidente que Vigo é unha cidade arraiana, de fronteira, tanto emocional como xeográfica; quedan moitísimas historias por contar, é moi fácil deixarse levar por Vigo e ambientar aquí as novelas», sinala o escritor.

Manuel Esteban é médico especialista en medicina familiar e comunitaria, e, na actualidade, traballa como profesor de Formación Profesional. O confinamento pasouno teletraballando na casa, coa súa familia, pero coa preocupación polas circunstancias xa que a súa muller é médica en Moaña, o primeiro lugar onde se detectou o covid-19 na área viguesa. «Creo que si vai dar xogo literario a pandemia porque é desas improntas emocionais que afloran dalgún xeito», conclúe Manuel Esteban.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«A vingaza acaba destruindo a un mesmo»