«O sector primario é o que está aguantado mellor a crise»

r. n. p. OURENSE / LA VOZ

VIGO CIUDAD

IAGO CORTÓN

Mazaira considera que ata o mes de xullo non haberá unha foto fixa do impacto na economía

31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrés Mazaira é profesor da Universidade de Vigo é responsable do Observatorio Económico Ourensán, lanzado pola Deputación de Ourense. Apunta que o impacto da crise do covid-19 foi menor na provincia que no resto de Galicia.

-¿Cal foi o impacto do covid-19 na economía ourensá?

-Si facemos unha foto do que ten acontecido desde marzo, en termos comparativos a perda de afiliacións en Ourense foi menor que no resto de Galicia. Non é algo novedoso, porque temos unha economía que reacciona máis lenta aos momentos de crecemento e tamén de crise. Por sectores, vemos nas cifras de afiliacións diferenzas moi significativas. Entre os máis afectados están as actividades artísticas, a hostalería ou a construción. O que estamos a ver é que o sector primario aguanta mellor, non so en comparación con outros sectores, senón a nivel provincial en comparación con outras provincias galegas ou españolas.

-¿Que comarcas se viron menos afectadas?

-É significativo o caso da Baixa Limia, onde o desemprego non creceu. No caso do sector primario, na metade das comarcas o paro baixou. Aí temos unha resistencia e un valor engadido de cara ao futuro. Esa fortaleza que amosa o rural tamén ven en parte polo peso das pensións, que é moi significativo. En todo caso hai que ter en conta, para todos estes análises, que os ERTE, que son un número moi numeroso non están contabilizados nestas estatísticas de desemprego.

-¿Cando teremos unha foto real do impacto do covid-19?

-Penso que imos ter unha foto real do que supuxo o confinamento para a economía de Ourense cando saia a finais do mes de xullo a EPA do segundo trimestre. Imos empezar a ver como se incorporan ou non os traballadores que están nun ERTE e que non están incluídos nos datos de desemprego.

-Din que en toda crise hai unha oportunidade. ¿Cal pode ser a baza da provincia de Ourense?

-Ourense sempre tivo unha elevada capacidade agroalimentaria, tanto no sector primario como na industria. Tamén se nota esa fortaleza, por exemplo, nas exportacións, que no primeiro trimestre subiron nese sector ata un 12 %, pese a que xa hai un impacto da pandemia e que no global da provincia baixaron un 5 %. Esa diferenza móstranos a nosa competitividade nese terreo. Temos unha experiencia importante é empresas significativas e agora tócanos afrontar os retos que veñen por diante, como o da dixitalización. Temos a necesidade de aportar capital económico para conseguir crecer nun sector, que é moito menos flutuante que o de servizos.