A colección dos Boletíns Oficiais da Provincia dende 1834 a golpe de rato

VIGO CIUDAD

DIPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Patrimonio da Deputación dixitaliza máis de 43.000 exemplares, a práctica totalidade dos números editados

26 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das mellores fontes documentais , a colección dos Boletíns Oficiais da Provincia de Pontevedra (BOPPO) xa se pode cotexar a golpe de clic. O AtoPO, o portal de Internet que reúne os fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Arquivo Provincial, o Museo e moitos outras institucións municipais e entidades da provincia, dixitalizou a práctica totalidade desta publicación dende a súa creación en 1834 ata a actualidade.

En total, son máis de 43.000 exemplares os que están dispoñibles en versión PDF, de tal xeito que se converten nunha «fonte de datos de elevada consulta e abondosa información para o coñecemento da realidade administrativa da provincia», destacaron dende a Diputación. Engadiron que «son preto de 350.000 imaxes que recollen case a totalidade dos números editados, xa que apenas faltan un par de centos de números que se están a procurar para proceder a completar a colección na súa totalidade».

Os PDF chegan ata o 1999, toda vez que a partir do 1 de xaneiro do 2000 «todos os exemplares xa podían ser consultados dixitalmente no propio portal do Boletín.

Foron os empregados do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo os que asumiron a recuperación de orixinais r, deste xeito, completar a ampla colección da que dispoñía a propia Deputación, tanto na Biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico coma no Museo. Neste caso, os técnicos tiveron que empregar exemplares orixinais conservados en diversas institucións, especialmente no Arquivo Municipal de Vigo, que dispón dunha moi completa colección en papel. Pero tamén acudiron ao arquivo municipal de Tui e á Biblioteca do Instituto Pai Sarmiento de Santiago, así como dixitalizaron algúns exemplares microfilmados con anterioridade.

O estudo deste documentos permite aos usuarios coñecer que a publicación naceu nu contexto histórico moi concreto, a transición do Antigo Réxime ao Estado Liberal. Foi Fernando VII, pouco antes de morrer, quen estendeu unha Real Orde na que, en apenas quince artigos, se establecían os obxectivos, os contidos e as premisas ás que se debían axustar os impresores dos boletíns: «Cada capital de provincia un Diario o Boletín periódico, onde se inserten todas as ordes, disposicións e prevencións que teñan que facerse ás xustizas e concellos dos pobos por calquera autoridade, na que, baixo artigo de oficio, se teñen que insertar ocupando o primeiro lugar as ordes e circulares de calquera ramo que sexan coas prevencións particulares que as autoridades delegadas nas provincias crean deber facer en consecuencia de ditas ordes, ou para facilitar o seu cumprimento».

Dende a Deputación destacan que, a comezos de 1836, era o único xornal publicado na provincia. Existe un documento asinado en abril de 1836 que parece testemuñar que viu a luz en xuño de 1834.