Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936 ? Vigo, 2020)


Antonte, ás dez da mañá, foi durmir fóra, para sempre, unha das voces máis intensas e máis auténticas da poesía galega posterior a 1967. Foi este o ano de Entre o si e o non, libro que acadou o Premio Rosalía de Castro (Madrid) en competencia con outros grandes libros daquel brillante momento poético, un deles, o finalista, Non, de Antón Tovar. Franco Grande, María Mariño e Antón Tovar son os tres poetas que Xosé Ramón Pena, na súa monumental Historia da Literatura, converte en protagonistas do capítulo Do intimismo e lírica do eu angustiado. Nes altura aínda era máis ou menos hexemónica a poesía social (epígonos de Celso E. Ferreiro), o que proba, ben ás claras, a independencia daquel escritor de trinta anos, característica, por outra parte, non allea á súa fonda autenticidade de poeta.

Non foi, nin daquela nin noutras épocas, un escritor turrieburnista, e demostrouno, de xeito moi elocuente, nas ocasións en que a literatura é unha defensa contra as ofensas da vida e da historia, por exemplo, cando o Caudillo ordenou a execución de cinco mozos novos, un deles, Umberto Baena, vigués. Nese poema de setembro de 1975, é admirable a musa execratoria do noso poeta contra o «moucho sinistro». Nun poemario de hai pouco, de 2017, Libro das abandonadas, que eu presentei, orgulloso e honrado, en Vigo, o poeta dialoga a fondo co mundo dramático da muller de hoxe.

Poeta fundamental, poeta con libros que foron a expresión da súa radical necesidade en cada momento (poucos e sabios libros), é autor de dous importantísimos volumes en prosa: Os anos escuros. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-1960), de 1985, e A ilusión da esperanza, de 1991. O primeiro é un magnífico libro onde fai a crónica, desde dentro, dos traballos e dos días dos universitarios composteláns (o autor entre eles) que, nese decisivo sexenio, descubriron o galeguismo á beira de Ramón Piñeiro e Domingo García-Sabell, verdadeiros reinventores da cultura galega.

Subtitúlase o segundo, na segunda edición (2019), De Cabanillas a Xulio Ríos. Trátase dun volume de 50 retratos que é, asemade, un libro dos amigos, un libro memorialístico e un libro no que asistimos á formación de Franco Grande como cidadán, como antifranquista e como galeguista. Nesta causa estivo de cheo no seu tempo, incluso con libros como Diccionario galego-castelán (1968) e Vocabulario galego-castelán (1972), ferramentas patrióticas para que os letraferidos pouco coñecedores da lingua galega fosen quen de lela con xeito e, mesmo, de escribila.

Morreu dese mal que aínda custa nomear, non da peste que nos asolaga. Sufriu, fisicamente, o mínimo, e hai días que se dedicou a despedirse, dalgún xeito, dos amigos, que eran moitos. El e mais eu estabamos citados, hai días, nunha librería viguesa para presentarmos A ilusión da esperanza, pero non nolo permitiu o virus. Os homes e as mulleres de Letras deste país temos unha cita con el, durante anos e anos, para editar os seus inéditos, reeditar certos libros e explicar as características do poeta, do memorialista, do ensaísta, do lexicógrafo, do activista, do editor de poetas «clásicos» (Leiras Pulpeiro), do xurista e do cidadán que, ás veces de fasquía pouco agasalleira, era un home leal que sempre inspiraba confianza.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936 ? Vigo, 2020)