Igualdade, conquista democrática e motor económico


luns desta semana presentábase en Ourense o estudo de Valoracións, percepcións e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo, encargado pola Unidade de Igualdade que dirixe Águeda Gómez e financiado con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero mediante un convenio entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a institución académica.

A través de 375 entrevistas a alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, con máis de 100 variables, aporta por unha banda, unha descrición cuantitativa a través de indicadores desagregados por sexo, analiza o nivel de igualdade acadada nos últimos anos a través das medidas estruturais implantadas, as políticas de sensibilización e prevención da violencia de xénero e os plans e ademais valora o teito de cristal, a formación ou a opinión que do feminismo ten a comunidade universitaria.

A Universidade de Vigo é percibida como a institución máis igualitaria de todas as que se pediron valorar no traballo e o 71% das persoas entrevistadas manifesta o seu desexo de recibir formación en materia de igualdade. Un dato alentador que desmonta mitos sobre a utilidade da formación universitaria e profesional en materia de xénero.

A pesar de que nalgunhas definicións a comunidade universitaria indica confusión de termos, hai un rotundo rexeitamento ao machismo, ás agresións sexuais e á violencia de xénero e todos os datos reflectidos sobre algunhas situacións vividas en primeira persoa sinalan que as mulleres seguen sendo as vítimas. Mantéñense as vellas formas e métodos de acoso, abuso e agresión sexual e se incorporan outras novas a través da tecnoloxía e das redes sociais.

Os datos referidos á conciliación no estudo están moi condicionados polo poder adquisitivo do profesorado e que deriva na contratación de terceiras persoas e tamén polos propios indicadores do pais. A conciliación pasa por compatibilizar o traballo remunerado e a vida persoal coa familia sen empregar o inxusto termo de «carga familiar» para referirse a persoas cas que nos unen lazos de cariño. Sendo este un asunto non resolto, é máis que salientable que sexan fundamentalmente alumnos e alumnas os que, moi por riba doutras circunstancias, deixarían o seu traballo para coidar a unha persoa dependente da familia, dato directamente relacionado co envellecemento da poboación en Galicia e coa falta de servizos e de apoios. Posiblemente, en universidades madrileñas, valencianas ou catalás esta circunstancia nin sequera se plantexaría.

Como apuntou o propio reitor, queda moito por facer pero é indubidable que a Universidade é clave para o desenvolvemento da igualdade como unha das maiores conquistas democráticas e como motor económico. Seguimos.

Laura Seara é consultora de xénero e coautora do estudio «Valoracións, percepcións e impacto das políticas de igualdade entre mulleres e homes na Universidade de Vigo»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Igualdade, conquista democrática e motor económico