«Se non vemos as estrelas, non sabemos a onde pertencemos»

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

A astrofísica Ana Ulla lamenta a contaminación luminosa

14 mar 2020 . Actualizado a las 22:24 h.

A nosa vida, coas súas pandemias, crises e alegrías, transcorre baixo cen mil millóns de estrelas: son as que existen na Vía Láctea. Habería que multiplicalas por cen mil millóns máis, que é a cifra de galaxias que os científicos calculan que existen. Na mente de Ana Ulla (Vigo, 1965) cabe toda esa inmensidade. «Pode haber múltiples mundo habitados, están aí fóra, e podemos velos nós de noite». Os GPS fixeron esquecer a riqueza cultural que existe a millóns de anos luz. Un mundo enorme pero finito, segundo os expertos, sobre o que hai moito descoñecemento. «Sabemos pouco do ceo dende as cidades, pero no rural, e tamén os mariñeiros, si o coñecían. Mirando ao ceo sabían cando había que sementar ou recoller. E tamén a localización espacial, onde está o norte, o sur… Todo iso dánnolo o Sol, a Lúa e as estrelas».

A contaminación luminosa impide ver a Vía Láctea ao 70 % da poboación. «O ceo é unha herdanza da humanidade que non podemos perder e que temos dereito a contemplar. Se estivésemos en contacto co universo e tivésemos o coñecemento básico que nos proporciona a astronomía máis simple habería moitas cousas no mundo que irían mellor», conclúe. Aqueles agricultores sabían da riqueza dun ceo que hoxe está sendo cegado por farois que emiten luces azuis e brancas. Rúas con moitos puntos de luz, mal deseñados, que nos están cegando e nos están a arrebatar o dereito de ver os astros. «Se non vemos as estrelas non sabemos a onde pertencemos. Os constituíntes elementais da materia, protóns, neutróns ou electróns, son os mesmos dentro dun átomo que nos interiores das estrelas. Estamos feitos todos do mesmo. Cando dicimos que somos po de estrelas non é unha frase bonita unicamente».

O ceo de Balaídos

Un ceo estrelado no barrio vigués de Balaídos, hai 40 anos, serviu de inspiración para unha adolescente curiosa que se servía dunha lanterna para buscar un mundo nas alturas. «Viviamos pola zona do estadio de fútbol, había rúas sen asfaltar e campos. Deixábanme saír de noite, cun libro, un planisferio e unha lanterna intentando recoñecer as estrelas. En Vigo víase o ceo o suficiente como para recoñecer as constelacións. 40 anos despois, desafortunadamente, non», pero arranxalo é doado. Segundo Ulla, a luminosa é a única contaminación coa que se pode acabar de xeito inmediato, só hai que preguntarlle aos expertos. «Que utilicemos led non é malo, pero hai que saber como usalos. A cor da luz non dá igual, a luz non é inocua. Vai dar o mesmo traballo facelo ben que mal, e imos aforrar en saúde. Hai moitos estudos que apoian que hai enfermidades serias que poden estar vinculadas coa contaminación luminosa nocturna».

Esta científica forma parte do 30 % de mulleres dedicadas ao estudo da astrofísica. Acaba de ser galardoada co recoñecemento Muller Científica 2020 que outorga o IES Val Miñor. Ana Ulla leva anos divulgando entre os máis pequenos, mesmo con literatura. Escribiu un libro, Dende o xardín, as estrelas, para espertar vocacións, convencida de que algún dos astronautas que colonice Marte pode estar nunha aula galega. «Se se impartise este coñecemento dende a escola, sería unha oportunidade enorme de sentar unha base cultural, científica e sólida que logo medra», como os alumnos. Esta experta considera que todo o mundo debería saír da escola sabendo orientarse e contando horas cun reloxo de sol. «Para orientarse de noite só fai falla saber onde está a estrela polar, que está ao norte. O Sol ao mediodía, ás 12, no seu punto máis alto, está no sur. A 180 graos estaría o norte, e se sabemos que sae polo leste e se mete polo oeste e vai viaxando en dirección sur poderiamos orientarnos de día e de noite».

Hai moitos xeitos de ir descubrindo unha ciencia que ten tamén o seu sacrificio. «Eu son partidaria de iniciar aos nenos cuns bos prismáticos, un bo trípode para que sexan estables e un planisferio. Se vemos que despois dos primeiros exercicios, de noite, con frío, doéndonos o pescozo…, se despois diso descubrimos que non é o noso, quédannos uns prismáticos marabillosos para ver paxaros». Só despois de facer esta proba paga a pena mercar o telescopio. Ulla é padroa fundadora da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura que xestiona o Observatorio Astronómico de Forcarei, o que compatibiliza con ser docente da Universidade de Vigo. É membro da Fundación Starlight, que certifica os ceos aptos para ver as estrelas —en Galicia, o parque nacional das Illas Atlánticas—, e investigadora da misión Gaia, que está a crear un mapa tridimensional da nosa galaxia, a Vía Láctea. «Descubrir que hai estrelas que proveñen doutras galaxias ananas que foron engulidas pola Vía Láctea é fascinante». Pero o verdadeiro descubrimento para Ulla será atopar vida máis alá da Terra. «Agardo que se faga en 40 anos». Con esa inquedanza, cada noite, olla cara ao ceo: «Cando chego, antes de entrar pola porta, miro para arriba a ver como está todo colocado».

A súa canción

«Del Yar», de Sara Naeini. «É unha canción de amor persa. Menciona o Sol, a Lúa e as estrelas. É unha cultura cun gran coñecemento sobre astronomía. A galaxia Andrómera descubriuna un astrónomo persa. Os ceos dende o deserto son fantásticos. Hai unha cidade onde as vodas rematan cunha observación de estrelas».