A Universidade de Vigo investigará os usos cosméticos do mel galego grazas a un convenio de colaboración
VIGO CIUDAD
Agader, a asociación de desenvolvemento rural Adercou, a UVigo e o consello regulador IXP Mel de Galicia asinaron un acordo marco para potenciar este produto
11 mar 2020 . Actualizado a las 21:36 h.Traballar na valoralización do mel e das súas potencialidades é un dos obxectivos do convenio que asinaron Agader (Asociación Galega de Desenvolvemento Rural, Adercou (Asociación de Desenvolvemento Rural da Comarca de Ourense), a Universidade de Vigo e o consello regulador da IXP Mel de Galicia. Durante o acto, o director xeral do Agader, Miguel Pérez Dubois, fixo un chamamento para unir forzas e para promocionar os produtos de calidade diferenciada. Pérez Dubois situou esta iniciativa dentro do marco do plan Leader.
O acto de presentación deste convenio celebrouse na Facultade de Educación do Campus de Ourense e Pérez Dubois destacou que neste eido, a universidade volver a ter unha nova oportunidade de amosar que está ao lado do desenvolvemento rural. Segundo informou a Universidade de Vigo, o primeiro proxecto será un estudo sobre os usos cosméticos deste produto, con un importe duns 17.000 euros, e no que traballarán dous grupos de investigación da Universidade. A agrupación apícola achegará mostras de distintos meles de envasadoras acollidas a IXP Mel de Galicia.
«O sector agroalimentario, e especialmente aquel baseado nos produtos galegos de calidade», dixo o director, é un elemento de desenvolvemento e crea «novas posibilidades de emprego».
Respecto do mel de Galicia, Pérez Dubois cualificouno como «un dos manxares máis apreciados» e gabou que os apicultores galegos esméranse polo «coidado exquisito das súas colmeas», ao tempo que non renuncian á innovación. Neste convenio auspiciado por Adercou colaboran a iniciativa privada e produtora xunto coas institucións públicas e a investigación.
Por outra banda, Fernando Miranda, secretario xeral de Agricultura, avanzoulles ás organizacións agrarias que o decreto de etiquetado do mel podería estar listo en xuño. Fíxoo na véspera da manifestación do apicultores.