Evolution, o circo que se pasou ao galego e que loita contra a contaminación no mar

VIGO CIUDAD

RAMÓN LEIRO

Chega a Vigo co espectáculo «Oceánika», onde nenos e maiores descubrirán o que hai no fondo mariño

06 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos nenos, polo menos aos que ven a televisión, sóenlles facer de cando en vez unha pregunta que di así: ¿Quién vive en la piña debajo del mar?. Si. Trátase da sintonía coa que se inicia o incombustible Bob Esponja, que sigue vivo e coleando despois de entreter xa a varias xeracións. Pero os nenos, como persoas pequenas pero listas que son, saben que hoxe en día, desafortunadamente, debaixo do mar non viven soamente seres divertidos, algas e animais de cores. Seguramente, todos, na casa ou na escola, oíron falar xa dese pesadelo que é a contaminación mariña; o feito de que os plásticos estean a ensuciar tanto os océanos.

E por aí, precisamente, vai o espectáculo dun singular circo que chega hoxe a Vigo.

Chámase Oceánika, que é toda una declaración de intencións. Abofé que si.

O circo que presenta Oceánika chámase Evolution, e deseñou este espectáculo pensando en dúas cousas: quería facelo en galego, porque cre que unha terra que tan ben tratou sempre os números deste circo merece un show na súa lingua nai, e quería tamén que levase unha mensaxe reivindicativa, que fose un berro contra a contaminación. Todo iso, por descontado, sen perder a esencia do circo. Cativos e maiores atoparán nas funcións aos artistas clásicos, desde pallasos a malabaristas pasando por equilibristas, pero descubrirán tamén que é o que está a pasar no fondo do mar.

O circo naceu da man dunha familia. Pero hai tempo que conta con moitos artistas contratados que ora van coas caravanas ora dormen en hoteis. O representante de todos eles, e do Evolution en si, é Luis Vila, un rapaz que é o vivo exemplo de como cambiaron as cousas nos circos.El ten 22 anos e está a estudar dúas carreiras da rama económica na Coruña. Pero, a maiores, traballa por toda Galicia como representante do circo. Parece mago para dar feito tal cousa.

O circo Evolution, co espectáculo Oceánika, vai estar en Vigo (carpa ubicada en la avenida de Castelao, en Coia) ata o vindeiro 22 de marzo. A primeira función terá lugar hoxe ás sete da tarde. Poden comprarse entradas de forma anticipada a través da plataforma oferplan.lavozdegalicia.es. Neste portal, os billetes teñen un desconto do 53 %, custan só 7 euros fronte aos 15 da billeteira.