Morris: «Non quixen coñecer a Charlín»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

Introspectivo, reflexivo e «torturado», o actor evoca a súa vida e «o método Morris, que é a falta de método»

23 feb 2020 . Actualizado a las 16:44 h.

Nega ter un método, unha técnica actoral. Pero só vendo pasear xa se pode saber se Antonio Durán, Morris, está a preparar un novo personaxe ou se só vai camiño de algures. «Estudo o guión, mallo no texto, e camiño. Nunca trato de reproducilo na casa. Ando e ando e penso na súa voz, na súa imaxe. Ocórrenseme cousas, e entón o consolido na miña cabeza». Así é o método Morris, ou «a falta de método», como di el. Pero 40 anos de profesión e máis de 70 papeis téñeno modelado como o actor que é, incluso como a persoa que é.

«Son tímido, escuro, serio, ata torturado», confesa para pór distancia cos papeis de actor de comedia que lle fixeron coñecido na televisión para toda a sociedade galega. «Reflexiono desde a tristeza», confesa, e engade con ese sorriso máis de fondo de ollos que de cara, que «nunca na miña vida tiven estabilidade». Morris declárase como un actor de carreira de fondo, que co paso do tempo ten aprendido a manter o equilibrio entre o cume no que leva uns anos e o chan de cando o éxito era un descoñecido.

«Tiven unha infancia formidable», rememora como rapaz nado en 1959 dos que aínda xogaban na rúa. «Xa de pequeno era medio traficante. Collía ameixas na praia de Arealonga (Chapela) os domingos e logo as vendía a unha peixeira amiga nosa». A zona do mercado do barrio vigués de Teis era o seu mundo, e tamén Os Peares, de onde chegaron os seus pais. Ela, Nieves, da familia que tiña naquela encrucillada do mapa a fonda As Moreiras. El, Antonio, un electricista do salto hidroeléctrico hospedado no negocio da familia materna.

Morris, de rapaz
Morris, de rapaz

«Alí falabamos galego, pero era pór un pé en Vigo, e nin unha palabra. Lembro como no colexio Labor se metían cos internos que viñan da aldea», como non esquece tamén a man aberta coa que algúns profesores pretendían formalo.

Facer COU no instituto da Guía cambiaríalle a vida, aínda que non o soubese entón. «Alí atopei a liberdade», di satisfeito. Maite, unha profesora do centro, propúxolle participar na posta en escena de Os vellos non deben de namorarse. «Eu non me vía de actor. Tampouco sabía que facer de maior. Hoxe a escena é a miña vida». O teatro popular galego deu paso ao mítico Artello, con ensaios e obras no Círculo Ourensán de Vigo de Freixanes e Bieito Ledo. «Ocupamos despois un local da OJE [organización xuvenil do Frente de Juventudes franquista] na rúa Carral e alí estivemos dous anos de ensaios e representacións, pero veu a policía a botarnos cando a conta da luz chamou a atención de alguén».

Despois chegaron a tele, máis teatro, o cine, a dobraxe, o diñeiro rápido... e a nada. «Perdinme na Movida, na noite como todos naquela época. Nos 80, nas festa do cine se non te metías unha raia quedabas fóra, eras o raro. Se eras adicto tiñas máis oportunidades», di Morris, quen acabaría tendo xusto no papel de Manuel Charlín na serie televisiva Fariña o certificado internacional que lle recoñece o actor inmenso que é. Ata Vanity Fair ten subliñado esa interpretación. «Non teño nada que ocultar», di sobre aquela «época superada» na que volveu comezar de cero como hosteleiro tras a barra do seu pub, o ¡Viva Zapata!.

Morris, nunha imaxe do ano 2000
Morris, nunha imaxe do ano 2000 Óscar Vázquez

Converterse en actor foi un grande desgusto para a familia. «As Moreiras sempre foron moi dramáticas», di das mulleres da casa. Pero a súa nai, que puido gozar dos seus primeiros éxitos e dos seus papeis en series como Pratos combinados ou Padre Casares, adoitaba pedir o programa de man aos veciños de cadeira no teatro para sinalar co dedo o seu nome e dicirlles: «É o meu fillo».

O golpe inicial de dedicarse á escena foi mitigado de cara á familia con traballos paralelos. Primeiro dous anos de marmorista facendo lápidas e logo repartindo pan. Eran tamén os tempos de militancia, na Liga Comunista Revolucionaria (LCR). Teis daba carácter. Só volveu a achegarse a un partido para pechar con Laxeiro a lista de Camilo Nogueira (PSG-EG) ao Concello de Vigo. E chegou a madurez como actor. «Agora o que quero é gozar coa xente coa que traballo. Son moitas horas e se non hai implicación, nótase na pantalla». Confesa que sempre faría unha toma máis. Non se conforma. «Sinto cando non quedou ben, non me fai falla mirala».

Para coñecer máis ao seu xa mítico personaxe de Manuel Charlín, ofrecéronlle quedar co patriarca. «Non quixen. Xa o fixen meu vendo as súas fotos, a súa mirada. Agora el é un personaxe que interpreta o que foi, e eu non quería iso. En certo modo roubeille a alma. Pero non teño nada que ver nin con el ni con outros papeis. Non son dos que levo o personaxe para casa. Os sinto a todos, pero non teñen nada que ver comigo.».

De onde vén

Cal foi o seu primeiro traballo? Facendo lápidas de marmorista para levar cartos á casa cando comezaba no teatro.

De que viaxe garda mellor recordo? Dun á República Dominicana cos compañeiros do programa Olé os teus vídeos. Agarrei unha tan forte que levei sen sabelo a roupa e as cousas dun cubano de Miami. Ata viu a policía. Menuda!