Polisóns

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

21 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un deles chegou a saltar desde o barco ao peirao e iniciou a fuxida polo porto de Vigo ata mesturarse coa xente, pero a aventura rematou aí, reducido pola Garda Civil diante dos extras de sempre: parellas da man e familias felices con nenos en bicicleta que nunca verán unha guerra de preto. Ao final, os tres mozos guineanos que chegaron a Galicia como polisóns a bordo dun petroleiro saíron do barco, esposados e tristes, para seren trasladados ao seu país nun jet de luxo (paradoxos das armadoras do negocio do chapapote) que lles esnaquizou os soños e lles volveu os terrores. As autoridades do barco puxéronos por violentos cando só estaban frustrados, e mentiron sobre o grao de conflitividade que xeraron a bordo só para poder librarse deles e mandalos de volta ao inferno. Pero xa se sabe, os delincuentes non son os que menten para gañar un par de dólares máis, senón as persoas que chegan desde África pedindo unha mínima parte do pastel do benestar que, entre outras cousas, xera a industria do petróleo contaminando medio mundo e espoliando e escravizando os países de onde foxen estes mozos que choraban coma nenos diante dos fotógrafos, que contiñan a respiración nun silencio inaudito no porto de Vigo.

Ás veces me pregunto que faría eu se vivise nun dos países máis subdesenvolvidos e autoritarios do mundo pero que alberga nas súas montañas as moreas de diamantes coas que vestimos o amor europeo por San Valentín; se vivise, coma a maioría dos meus veciños, por baixo do limiar da pobreza; se toda a miña familia morrese na epidemia de ébola do 2014; se conseguir un pasaporte falso fose tan fácil como deitarse cun policía. Só o pregunto ás veces. Normalmente non preciso nin pensalo.