Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

A memoria voluble

Francisco Ant. Vidal

VIGO CIUDAD

matalobos

15 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ó parecer, esta semana Xulio foi atendido da gripe que non dá sacado do lombo por un tal doutor Andrade, quen non o recoñeceu a pesar de que foron veciños e amigos de infancia. Nin se decatou das moitas indirectas que lle soltou para retornarlle a memoria; e por non recoñecer nin sequera tivo un aceno cando citou as rúas, as casas e os veciños a que Xulio fixo referencia constantemente.

A memoria ten a virtude de ser voluble cando pesa e imperecedoira cando agrada. Vémolo cada día nos xuízos políticos e sociais de que nos informan todos os mediodías nos noticiarios, porque así como hai persoas que lembran as cousas máis arcaicas da súa vida, outras, á media tarde xa esqueceron o que xantaron ó mediodía, cando o normal sería que o cerebro fose borrando do seu circuíto de pregues e circunvalacións os arquivos máis antigos para deixarlle sitio ós máis recentes, facendo certo iso no que nos escudamos tantas veces, «pasou hai tanto tempo que xa non me lembro».

Unha frase que, por certo, é a mellor desculpa para pasar páxina, aínda que a cousa estea presente con pelos e sinais. A memoria hai que reescribila periodicamente para que non se borre de todo, para iso se inventaron as reunións de amigos, a cervexa de media tarde e as inesperadas chamadas telefónicas. Algún neurólogo terá que explicarme por que onte non me lembraba dos encargos para traer da tenda, e sen embargo era quen de recitar de memoria unha canción dos anos setenta. Non me quero imaxinar o catastrófico que sería se o meu ordenador (moito máis sensato co meu cerebro) comezase a borrar os apuntes de hai vinte anos para darlle cabida ás fotos de amenceres da última semana.