A compañeira de piso


Así, como este artigo, se titula, en galego, unha peculiar comedia que a autora, Jen Silverman, escribiu en inglés co título The Roommate. Desde o ano 2015 colleita éxitos non pequenos en bastantes escenarios dos Estados Unidos. A versión galega de Lilian Portela da que fun espectador en Vigo hai poucos días está chea de sutilezas e matices que nos fan pensar na riqueza -tamén de rexistros- do texto orixinal.

O texto de Jen Silverman, trasladado á lingua galega por Lilian Portela, atopou nas nosas actrices, Rebeca Montero (Robyn) e Patricia Vázquez (Sharon), intérpretes que é moi difícil atopar tan axeitadas. Falan o galego desde dentro, fálano sempre con autenticidade (os lingüistas dirían desde a súa autofonía, tantas veces ausente do teatro galego). Conmoveume, como «lector» deste texto teatral, a lingua de Patricia Vázquez e Rebeca Montero, pródiga en cambios de ton e de intención, un prodixio na prosodia e na xesticulación destas dúas mulleres cincuentonas que son moi conscientes do seu carácter e de que a relación entre elas as está mudando. O fortuíto contacto -Robyn chega por un anuncio á casa de Sharon, que compartirán- fai aflorar nelas semellanzas psíquicas e actitudes que non sospeitaban, boa lección de vida que a sagaz comedia amosa con humorismo e, asemade, con fondura. É nestes momentos cando Rebeca Montero e Patricia Vázquez falan en galego (sic) como se vivisen nos Estados Unidos.

Sería inxusto non citar ás dúas persoas responsables da dirección, Belén Pichel e Cándido Pazó. A Pazó coñézoo desde as aulas do instituto, cando xa era un comprometido coa autenticidade idiomática. Falamos moito, do culto á palabra, ese culto tamén moi presente en Rebeca Montero, que vén dunha familia que asombra: o seu pai, Clodomiro, como conversador, é unha polifacética especie artística, e o seu avó, Clodomiro tamén, era un blasfemo non rexeitado polas beatas da parroquia, porque advertían que naquel exercicio a blasfemia era unha obra de arte.

Un bo día Sharon, de máis de 50 anos, recibe na súa casa a Robyn, quizais pola razón de ter unha compañeira. Está divorciada e ten, lonxe, un fillo. Cando chega Robyn, que é lesbiana et non solum, a alteración inicial vai ser semente, a medida que pasan os encontros, de situacións nas que se recoñecen próximas, moi próximas ás veces. Das riquísimas secuencias finais impídenme falar, loxicamente, Aristóteles e Horacio. Eu recuncarei. Tamén por mergullarme na conversa destas dúas extraordinarias dialogantes.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

A compañeira de piso