Francisco Castro: «Que Feijoo é nacionalista é un chiste de Vox»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

«Harry Potter ou o Ulises venden moi pouco en galego, pero un idioma que se considere ten que telos»

15 feb 2020 . Actualizado a las 11:40 h.

Pés na terra para non levitar véndose agora na galería de persoeiros que se teñen sentado no alto dun dos piares da cultura galega. Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Carlos Casares e Víctor Freixanes antecedérono na dirección xeral da Editorial Galaxia, pero Francisco Castro (Vigo, 1966) di con solemnidade: «Cada día recordo que son o fillo de Marisa, unha carniceira do mercado de Teis, e de Manuel, que aos once anos fíxose pasar por un rapaz de catorce para poder comezar a traballar tirando dun carriño». Ese fillo xa foi un neno da xeración da Nocilla. «Ata podía dicir: ‘Diso non quero comer’», recoñece con certo grao de vergoña, «pero non perdo o horizonte de onde veño, do meu barrio obreiro, do ambiente proletario, de ir bañarme a praia da Punta porque ir a Samil significaba pagar o Vitrasa, e non se podía».

As raíces marcan, e Francisco Castro recoñécese claramente de esquerdas. «Protesto contra a ultradereita, contra o espanto, contra o fascismo, contra os que nos queren mudar o relato», lánzase, a pesar do risco emocional que supoñen as reaccións contrarias nas redes sociais, nas que, por certo, suma 30.000 seguidores. A eles está a contarlles que o día 10 vai saír á luz a súa décimo novena novela. Tantos anos de silencio, unha obra de paseos de madrugada, tiros nas cunetas e fuxidos do terror. «Teño fe no futuro, por iso son pai, porque senón a tivera, traer a dous rapaces a este mundo sería unha faena».

Situado ideoloxicamente, Castro volve a definir o seu perfil cunha defensa militante do galego, pero advirte que blindar o idioma non ten por que levar aparellados apelidos políticos. «Falar galego, defender o galego non ten por que ser unha postura exclusiva do nacionalismo».

Coa experiencia de escritor, editor e mestre durante dezaoito anos, Francisco Castro nega con toda a forza que o castelán estea en perigo. «Dicir que Feijoo é nacionalista é un chiste de Vox», replica para negar que o poder político teña optado por unha discriminación positiva da lingua na educación ou na Administración como reprochan a formación de ultradereita e Ciudadanos. «Tentan que unha mentira contada mil veces acabe sendo percibida como verdade, como fixeron os nazis».

Libros en galego

E mira para as outras comunidades históricas para advertir que os editores vascos ou cataláns non dan explicacións de por que editan no seu idioma, como tampouco os fan os búlgaros, ou os polacos. «En Galicia si. Constantemente estou a contar as razóns de por que una editorial como Galaxia publica en galego». Pensa que quizais teña que ver coa situación do idioma o feito de que Galicia non teña contado cun partido político nacionalista de centro-dereita potente, como si triunfaron en Cataluña CiU, coa súa evolución actual a Junts per Catalunya, e no País Vasco, co PNV. «Harry Potter ou o Ulises apenas venden en galego, pero teñen que estar, é outro xeito de defender o galego, aínda que temos escritores de literatura infantil e xuvenil de moi alto nivel, como tamén as editoriais. Cando vou ás feiras de Boloña ou Guadalajara certifico que os libros galegos están entre os mellores». Castro mantén que a literatura en galego «non ten detrás un país que a sustente. O 90 % prefire ver Lo que arde, en lugar de O que arde».

Pero a paixón na defensa do galego e o enfrontamento sen parapeto contra a dereita extrema, non fan de Francisco Castro un home en guerra. «Son feliz», proclama facendo a lista dos motivos polos que o máis natural é velo cun sorriso na cara: «Case van alá vinte novelas, conto as miñas opinións nos artigos de La Voz de Galicia e nos faladoiros da radio e a televisión, dirixo Galaxia...». É un home de letras, de humanidades, e por iso elixiu Filosofía como carreira.

Chegando a escribir

Porén, o descubrimento da escritura e da lectura non foi fácil. Compartiu clase no centro de estudos Salamanca, na Travesía de Vigo, con os todos rapaces que había entre o seu curso e oitavo. «A primeira vez que estiven na aula só con compañeiros da miña idade foi en primeiro de BUP». A droga naquel tempo facía estragos, e dela deu conta en Xeración perdida, unha da súas novelas, nas que foi tocando diversos paus: infantil, histórica, erótica, ensaio... recoñecidos coa práctica totalidade dos premios literarios de Galicia.

«Son un privilexiado», remata, mentres dá calor nas mans o seu novo título. «Un relato violentamente fermoso. Fermosamente violento», presentase a si mesmo o libro.

De onde vén

Cal foi o seu primeiro traballo? O primeiro remunerado foi no ano 85 facendo dúas entrevistas para El Ideal Gallego aos 18 anos. Déronme 5.000 pesetas e case me volvo tolo con tal capital. Foi unha auténtica loucura.

De que viaxe garda mellor recordo? Dun de hai dous anos que me levou a Salvatierra de Guanajuato, no rural mexicano, a un festival de poesía absolutamente incrible. Sen dúbida esa é mellor viaxe que fixen na miña vida... de momento.