A Xunta abrirá en Vigo unha sede do CGAC

Begoña Rodríguez Sotelino
B. R. Sotelino VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Oscar Vázquez

Os Premios da Cultura Galega celébranse por primeira vez en Vigo

14 ene 2020 . Actualizado a las 22:47 h.

Vigo foi onte escenario, por primeira vez desde que hai una década instituíra os Premios da Cultura Galega, da gala de entrega dos galardóns que nesta ocasión renderon homenaxe ao fenómeno da movida viguesa como elemento clave na identidade cultural da cidade e de toda Galicia, coincidindo co 40 aniversario do seu inicio.

O acto que acolleu o Teatro Afundación comezou coa musica de Teixugueiras, formación folc que foi acompañada pola coreografía dos balaríns da Escola de Danza Media Punta, a que arrasou en todo o país coa súa modernizada versión da Muiñeira de Chantada. O actor vigués Manuel Manquiña, que saiu a escena ao ritmo de Miña Terra Galega, foi o encargado de conducir a gala que abriu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, lembrando a significación duns premios que o mesmo ollan ao pasado, como os do 2017, adicados ás Cantigas de Amigo, como os deste ano, que entroncan coa contemporaneidade ao recordar a movida pola que se colou a modernidade en Galicia.

Nesta edición, o xurado designou a Xesús Alonso Montero na modalidade de Letras, Soledad Penalta na de Artes Plásticas, Monicreques de Kukas na categoría de artes escénicas, Amancio Prada na de música, a serie de televisión O sabor das margaridas no apartado de audiovisual, Pilar Ponte Patiño no de lingua, a restauración do Pórtico da Gloria na modalidade de patrimonio cultural e o programa Galego en Londres na de proxección exterior.

O pop etéreo do dúo Presumido foi o encargado das transicións da gala que deu incio con galardón da Cultura Galega de Patrimonio Cultural. O presidente da Fundación Barrié de la Maza, José María Arias Mosquera, foi o encargado de recoller o recoñecemento no nome de todas as persoas que traballaron no amplo proxecto. «Este premio é de todos, os que colleron os pincéis, os que elaboraron complexos sistemas de medición, os que se sinten orgullosos do que teñen na súa terra e dos que regresan a os seus países coa emoción dun descobremento artístico», dixo rematando cun recordo para Carmela Arias, impulsora deste e moitos outros proxectos que puido ver rematados, pero non este.

Begoña González Rey, profesora de galego no Instituto Cañada Blanch de Londres, recolleu o premio de Proxección Exterior polo proxecto que leva o idioma galego a estudantes que residen na capital inglesa. Tras ela, o ensaísta e catedrático Xesús Alonso Montero, expresidente da RAG, recolleu das mans do actual, Victor Freixanes, o seu no apartado de Letras. «A cultura abre os ollos. Se non os abre, non é cultura», dixo nun discurso con tintes ecoloxistas no que incitou a «deixar de ser planeticidas», que adicou en primer lugar a Isaac Díaz Pardo.

Ademais tivo lugar unha performance poética do grupo Rompente xerme da movida, con Antón Reixa e Manolo Romón, e música de Julián Hernández. Fixeron unha performance adicada ao movemento artístico Atlántica. Todos os premiados recibiron unha reprodución dun mural inspirado en iconos de Vigo que a artista de Baiona, Lula Goce, fixo para presidir o escenario.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, pechou o acto con guiños á movida e a Vigo, e anunciou que porá en marcha no primeiro semestre de 2020 un proxecto de barrio creativo no ámbito do Casco Vello Alto de Vigo e unha sede do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) para a exposición e a creación artística. Dúas medidas, dixo, que formarán parte dun paquete de iniciativas para impulsar a cultura na cidade.