Vigo merece un centro de fotografía


Cando en 1984 nace a Fotobienal de Vigo márcase como obxectivo reivindicar a dimensión cultural da fotografía. Para acadalo propúxose potenciar a creación fotográfica, facéndoa partícipe do debate da fotografía contemporánea universal. Así se inicia en 1986 o proxecto Vigovisións, consistente en traer a Vigo, a traballar con total liberdade, a fotógrafos e fotógrafas como Sebastião Salgado, Cristina García Rodero, Paul Graham, Gabriele Basilico, John Davies, Graciela Iturbide, Larry Fink, Allan Sekula, Joan Fontcuberta, Susan Meiselas, Joel Sternfeld, González Palma, Pedro Meyer, Joachim Schmid, Aziz+Cucher, Daniel Canogar, Milagros de la Torre, Karen Knorr, Antoine D’Agata…, e galegos como Vari Caramés, Lobato, Correa, Vilariño, Terré… A obra realizada pasou a ser propiedade do Concello de Vigo, máis de 600 fotografías de 51 autores que hoxe gozan dun gran recoñecemento. Unha colección non a conforma un conxunto de fotografías sen máis, senón que é o desenvolvemento dunha idea, e neste caso é evidente que o é, e que proxectou a cidade internacionalmente.

No inicio do proxecto Joan Fontcuberta comentou: «Estades meténdolle un cabalo de Troia ao Concello», porque supuña que iniciaba unha colección e que a trataría como tal, mais iso non aconteceu. O tempo demostrou que tería sido máis pertinente crear unha entidade pública independente para recibir estas imaxes, de xeito que non estivesen subordinadas aos intereses do político do momento. Ademais, cando o orzamento das fotobienais o permitía, mercábanse fotografías, como tamén se fixo na Sala dos Peiraos (1985-1991), e así entraron na colección autores tan relevantes como William Klein, Álvarez Bravo, Martin Paar, William Eggleston, Dorotea Lange, Mario Giacomelli, Joel Meyerowitz...

En 1984 non existía conciencia de que tiñamos unha historia fotográfica, por iso a Fotobienal se marcou como obxectivo recuperar, estudar e difundir a fotografía histórica. Produto disto foi a adquisición de fotografías de Caamaño, Ksado, Ferrol, Llanos e Virxilio Viéitez. E tras anos de negociacións logramos que o Concello de Vigo adquirise o Arquivo Pacheco, de enorme valor para a cidade. O Arquivo Llanos, que adquiriu a Xunta, está pendente de que existan unhas instalación adecuadas para volver a Vigo.

Como consecuencia da Fotobienal, a Sala dos Peiraos e a programación na Casa das Artes (1991-1992), dirixidas polo Centro de Estudos Fotográficos (CEF), creouse unha colección de máis de 1.100 fotografías, actualmente depositadas nos almacéns do Marco sen ningún tipo de uso dende o 2004.

No ano 1999, sendo o CEF consciente de que a situación da fotografía tiña mudado, a fotografía era recoñecida como un medio para a creación artística. A función dos festivais fotográficos estaba en gran medida cumprida, eran precisas novas estratexias, como a transformación da Fotobienal na Casa da Foto, cos mesmos obxectivos da Fotobienal pero cunha programación continua na que se lle daría maior pulo a Vigovisións, crearíase unha sala para exposicións temporais, unha sala para fotógrafos e fotógrafas emerxentes e outra para a colección que iría rotando, potenciando así o seu estudo e a súa difusión. Iniciaríase a unha biblioteca especializada e organizaríanse obradoiros e conferencias.

Seguiríase coa recuperación da fotografía histórica, presentando cada tres meses unha pequena mostra do recuperado Arquivo Pacheco nese período, facendo a cidadanía partícipe do proxecto de recuperación. As diferentes experiencias vividas levábannos a estar seguros de que habería doazóns e depósitos doutros arquivos.

O proxecto foi recibido con entusiasmo pola concelleira de cultura, Carme Corbalán, mais aos poucos meses mudou o responsábel da concellaría e o proxecto, que estaba a punto de poñerse en marcha, paralizouse. O novo concelleiro, Carlos Príncipe, non quixo saber nada, ao igual que quen o seguiu no cargo, Ignacio López Chaves.

No ano 2011 arrancan as obras do Centro Galego da Fotografía cun orzamento de 1,5 millóns de euros, declarando o tenente de alcalde Santiago Domínguez que o centro albergará a colección xerada pola Fotobienal, o Arquivo Pacheco e o de Ksado, mais en ningún momento se puxeron en contacto connosco para coñecer detalles da colección. No 2013 apróbase unha partida de 379.000 euros para acondicionar o edificio.

Posteriormente, coincidindo coas eleccións municipais do 2015, presentan nunha sala que non reúne as mínimas condicións expositivas unha mostra de fotografías de Pacheco, sen comisario e con copias de pésima realización. Unha vez remata a exposición permanece pechado, e este ano o Concello vaille ceder o edificio á Deputación de Pontevedra para que instale nel as súas oficinas, co cal trúncase a posibilidade de que chegue a cumprir a función para a que foi construído.

A existencia de centros de arte contemporánea non levou consigo que carecesen de sentido os específicos de fotografía, e de feito existen en moitas cidades. En Galiza hai un patrimonio de fotografía histórica moi importante, que está disperso e que precisa dunha institución para recollelo, conservalo, estudalo e difundilo. A cidade de Vigo, pola súa historia, e pola colección de fotografía contemporánea e histórica que posúe, sería a localización ideal, mais se esta cidade non é quen de facelo agardemos que o faga outra cidade.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Vigo merece un centro de fotografía