A mancomunidade indómita

ÓSCAR BRIONES GAMARRA

VIGO CIUDAD

MARTINA MISER

Unha análise técnica do bloqueo da institución comarcal, que se cadra podería resolver un percheiro

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo. Observatorio da Gobernanza

Unha lectora dun artigo anterior sobre teoría da negociación, suxeriume aplicar este enfoque -da materia de negociación do máster online en Dirección Pública da Uvigo que imparto actualmente- para analizar a situación de bloqueo da Mancomunidade do Salnés. O tema tecnicamente me atraía, como non, análise da realidade política desde a teoría, pero o tema tiña tamén gato encerrado.

Parecía claro, nunha problemática da que tan so sabía eu que o presidente saliente se negaba a ceder o posto e deixar constituír a nova corporación, que estabamos ante unha negociación bloqueada, coas canles de comunicación obstruídas e na que as consideracións persoais do presidente saliente fronte a supostas deslealdades políticas do alcalde de Meaño, non permitían albiscar unha solución. Basicamente coitas personalistas impedían falar dunha negociación, e de feito, a recente petición do presidente en funcións dun asesoramento ao Consello Consultivo lémbrame a estratexia ponte de prata que se dá en negociación cando en conflitos enquistados se lle facilita a unha das partes unha especie de saída honrosa para que non abandone demasiado magoado o escenario negociador.

Pese a todo, asumín o reto, e alá me vou eu coa miña caixa de ferramentas, de teórico-práctico da negociación. Na caixa non faltaba -por exemplo- demandar a intervención de terceiros actores con poder -ben en forma de autoridade, ben de potestade- como serían a Xunta ou a Deputación; matrices de análise da negociación; ou mesmo demandar unha feminización da negociación, bloqueada por un modelo de masculinidade mal entendida en que a negociación exitosa parece aquela na que se da co puño na mesa. A evidencia científica en negociación di todo o contrario, pero, claro, a quen lle interesa o rigor científico pudendo dar un puñazo?

«Travestismo institucional»

Aberta a caixa de ferramentas o obxecto de investigación, a mancomunidade, que por desgraza non podo illar nun laboratorio, comeza a mudar ante min, a ofrecer unhas variantes ao problema que me fan derivar a solucións de corte máis técnico, xurídico e de legalidade. En lugar de investigar un bloqueo negociador paso a analizar unha situación de incorrecta diferenciación entre a esfera técnica e a política, unha análise xurídica propia do dereito público e de falta de respecto á pericia técnica dos funcionarios que vixían a legalidade. Como dirían os profesores Carles Ramió ou Enrique Varela, observo un certo «travestismo institucional», no cal os políticos queren facer de técnicos denigrando o espazo profesional de xuristas e funcionarios en xeral. O criterio legal parece claro, a mancomunidade ten que constituírse, o contrario é un forzamento da legalidade, hai ditame xudicial e informes xurídicos, e quedaramos en que era malo forzar a legalidade desde as institucións? ¿Non si? Mesmo parecen existir vimbios xurídicos para forzar, á contra, unha constitución do órgano desde a secretaría do mesmo esquivando a intervención do presidente en funcións; como dirían en Twitter, abro fío...

Consumido polo xiro dado a medida que me informo dos pormenores da situación enquistada da mancomunidade, comezo a cavilar en que igual o enfoque ten que ser desde o Institucionalismo (poñendo o foco de atención nas institucións). Abóndanos xa coa desafección en España respecto da clase política, somos os campións con Portugal en desconfianza nese eido. E nese enforque institucionalista as únicas entidades que funcionaron ben e aguantaron a crise de 2008 foron as Administracións públicas, que con voluntarismo e vocación de servizo de empregados e empregadas públicas, soportaron un auténtico test de estrés. Tamén nos imos cargar as Administracións públicas? Estaríamos socavando unha das lexitimidades das democracias modernas, o funcionamento dos servizos públicos e as súas Administracións. Por certo, iso si fai país. A confusión da institución coa persoa quedara co rei Luis XIV, en Francia, e a súa célebre frase: «O Estado son eu». Ou eso pensabamos moitos. Que non enreden. E así pasei de enfocar o asunto como un problema de negociación, logo como unha controversia xurídica e rematei -extenuado- falando de Neoinstitucionalismo.

Cando novo, traballando de mozo de almacén para pagarme a carreira, o meu xefe, coa flegma dun empresario capitalista do século XIX, espetoume unha lección intensiva de cultura organizativa: «Ves ese percheiro? Aí se colgan os problemas persoais cada mañá, xa logo nos poñemos a traballar». Non o compartín demasiado no seu día, cousas da irreverencia xuvenil. De adulto comprendino como unha boa medida para que os servizos e as institucións funcionen, con profesionalidade. 

Se a alguén lle colle de man pasar pola mancomunidade, que lles deixe un percheiro na porta. Vese que non teñen.

MARTINA MISER