Martina López abre camiño co seu bronce no Galego de Media Distancia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO CIUDAD

Cedida

Co seu terceiro posto no Desafío Illas Cíes asina o seu primeiro podio en menos de dous anos na disciplina, e tamén o dunha muller do C.T. Vilagarcía

24 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Estou que inda non o creo de todo». Con 24 horas polo medio, Martina López Gestal seguía onte asimilando o que conseguíu o domingo; a nivel persoal, e para o seu equipo. Menos de dous anos despois do seu desembarco no triatlón, a padronesa afincada na capital arousá colgouse o bronce no Campionato Galego Feminino de Media Distancia, celebrado á par do Triatlón Desafío Santander Illas Cíes. A primeira medalla dunha deportista muller do C.T. Vilagarcía, a entidade na que Martina López e Luz Pérez entraban a comezos do 2018 poñendo fin, para satisfacción dos seus novos compañeiros, a dous anos de indesexado monopolio masculino no club.

Na que era tamén a súa estrea na media distancia, Martina López Gestal completou os 1.900 metros a nado, os 88 do segmento ciclista e os 21,097 do medio maratón final a pé en 5 horas, 9 minutos e 14 segundos. A 13 minutos e 35 segundos da campioa galega, Andrea Iglesias Carballido (A.D. Tri-Penta, 4.55.40), e a 3.01 da subcampioa, Silvia García Lorenzo (Artrogal-Tri 498, 5.06.13).

Nadadora federada nun club de Padrón entre os 12 e os 18 anos, López lembra ter gañado medallas de adolescente, pero na súa inmesa maioría en probas por relevos. «A nivel individual, este é o meu primeiro posto destacado en competicións importantes», di. De aí que o conseguido en Vigo «é algo que non o vou olvidar nunca», subliña.

«O curioso», desvela a medallista autonómica arousá, «é que non tiven claro en ningún momento en que posición ía -entereime ao chegar á meta-, tentei facelo o mellor posible segundo as miñas sensacións». Tal é así, que se mentalizou de estar ante «un día de adestramento máis, pero co aliciente da competición, dando o mellor de min mesma en cada momento, e concentrada en cada paso».

Sobre este punto de partida, «os ánimos do público, sobre todo dos meus compañeiros, o ambiente tan bo e a contorna fixeron o resto», comenta recordando «un conxunto de sensacións todas positivas ao longo da proba».

Mes e medio de preparación

Mes e medio levoulle a Martina López Gestal a súa preparación para o Campionato Galego Feminino de Media Distancia e o Desafío Santander Illas Cíes, con dúas clasificacións diferenciadas; en ambas con bronce para a deportista do Club Triatlón Vilagarcía. Un camiño que lle axuda a valorar todo o experimentado na súa xusta medida: «Quédome con todo o bo, pero tamén teño en conta as cousas que hay que mellorar para as próximas competicións. Con todo, estou moi contenta porque cumprín o meu obxectivo, e ademais coseguín facer podio, o que foi secundario para min».

A falta de atopar un novo reto que a motive a concentrarse de cheo durante varias semanas coa vista posta nun lugar, día e hora determinados, Martina López Gestal confésase ilusionada con continuar o día a día co grupo de adestramento de quince corredores que reuníu este verán coa esperanza de sumar nun futuro non moi tardío novas integrantes femininas ás filas do C.T. Vilagarcía.

Se o primeiro podio dunha das súas deportistas mulleres foi a grande alegría da fin de semana, no club arousán tamén gozaron do bronce autonómico de Jorge Ferradáns na categoría absoluta, cun tempo de 4.09.00, a tan só 29 segundos da prata que levou Jacobo Crego (Triatlón Boiro), e cuarto ademais na clasificación elite -a do Desafío Illas Cíes-. O seu compañeiro Javier Fernández (4.14.41) ocupando os chanzos sexto e sétimos en ambos listados finais en Vigo, respectivamente.