Bonheurs du jour

xaquín chaves

VIGO CIUDAD

Falar de Jorge é falar dunha persoa entrañábel e discreta que gustaba das distancias curtas no trato humano

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar de Jorge García, que finou o 31 de agosto, e falar dunha persoa entrañábel e discreta que gustaba das distancias curtas no trato humano. A súa grande curiosidade facía que todo con el comezara cunha invitación formal para un xantar minimalista co obxecto de conversar de todo un pouco nos diferentes domicilios de Vilaxoán, Vilagarcía, Vigo e Cristelo, en Caminha, nos que conviviu con Marga a súa inseparábel compañeira vital e profesional; perfectos anfitrións para unha tribo tan peculiar como é a dos individuos que se dedican a creación. A dialéctica de Jorge aparecía pronto locuaz pero con matices de travesura querendo indagar en cuestións viscerais e polémicas entre sorrisos, camaradería e complicidade.

Coñecino pola súa faceta de xornalista e fotógrafo de prensa, -realmente a fotografía era nel unha gran paixón-, pasamos longas xornadas en Caminha visualizando no ordenador reportaxes e instantáneas das pequenas fugas que acostumaba a facer con Marga e outros amigos a Froxán no Caurel, París, Porto, Guadalaxara ou simplemente fotos do seu entorno, bodegóns das feiras, personaxes da rúa ou a ollada do seu gato Patxi. Comentabámolas e reflexionabamos xuntos argumentando e dándolle voltas a composición e sobre todo falando da percepción visual.

A súa importancia

Pero ademais de todas estas cuestións persoais sobre Jorge García a razón principal deste escrito e salientar a importancia dunha persoa que aterrou no Salnés nunha época de efervescencia creativa que se deu en chamar A movida arousá, sobre a que despregou unha incesante contribución divulgativa do traballo dunha xeración de pintores, escultores, músicos, escritores… por medio de artigos de prensa, colaboracións fotográficas, prólogos de catálogos, ensaios, propostas de debates e opinión, e tamén dunha maneira salientábel unha gran actividade no deseño e maquetación de catálogos e libros xunto a Marga con quen conformaba un equipo ao que recorríamos e que sempre respostaba con solidariedade, criterio e lucidez, cun deseño moi característico e persoal

Hai menos dunha década fundou Obra sobre Papel, unha galería online de pintura e fotografía. Anteriormente dirixiu a edición do libro Vigo, a cidade narrada para o Concello de Vigo e Fotos do día para o Concello de Vilagarcía de Arousa, onde puxo en valor o traballo dos fotógrafos de prensa; en fin un extenso e polifacético traballo que non podemos esquecer xa que parte da historia recente deste pequeno Macondo litoral que é A Ría de Arousa, un traballo discreto, pioneiro e transversal. Agora miro a paisaxe bañarse dunha tintura difícil de expresar debido a súa ausencia. Obrigado Jorge.