A regueifa da semana: «Comezamos ben setembro, non collades depresión, que hoxe é a Milagrosa e aínda falta a de Caión»

La Voz

VIGO CIUDAD

MATALOBOS

Coa chegada do mes de agosto, volve Lupe Blanco coa súa regueifa semanal

01 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquí volta a regueifeira,

que me fai moita ilusión,

porque xa é un de setembro

e acábanse as vacacións.

Pois voltamos á rutina,

e a cousa hai que contala,

andei de festa en festa

case coma a Panorama.

É o que ten a regueifa,

que eu entendo un pouco diso,

ademais de ir cantar

estou negra coma un chamizo.

Pero acabouse o conto,

de Viveiro ata Vigo,

non entremos na tristura

que ten lado positivo.

O que non é tan bonito,

e xa gusta un pouco menos,

é ver tanto nome raro

nas cousiñas que comemos.

Os que traballan na mina

morreron de silicose,

e ca carne sen controis

aparece a listeriose.

Pero non queda aí o conto,

que a situación é crítica,

apareceu no atún

unha cepa botulínica.

A cousa non é de risa,

de xirasol é a lata,

se non vale para comer

quita as engurras da cara.

Entra o pánico daquela,

se non como eu non canto,

que non quiten o churrasco

nin a potiña do caldo.

Comezamos ben setembro,

non collades depresión,

que hoxe é a Milagrosa

e aínda falta a de Caión.

Aínda queda un mes de festa,

aquí non remata a traca,

vén a Barca de Muxía

máis a Festa da Pataca.

Por hoxe xa rematamos,

que o xantar xa me espera,

será tenreira galega

con bonito de Burela.