«Se alguén tivese que apostar agora, o máis doado sería apostar por nós»

x.r.c. VIGO

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

Nico Rodríguez, con Jordi Xammar, está a asinar un ano por enriba do esperado, e apuntan ao podio en Toquio

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nico Rodríguez (Vigo, 1991), formando tándem co catalán Jordi Xammar, vén de sumar dúas pratas, no Europeo e na Copa do Mundo de Marsella, que afianzan o proxecto do seu barco da clase 470. A estas alturas, a un ano vista dos Xogos de Toquio, parece a opción máis sólida de medalla na vela española. Nico pasa uns días en Vigo e en nada fará parada e fonda en Xapón: para o Mundial, un test de seleccións e a primeira Copa do Mundo da vindeira tempada.

-Que supoñen as dúas pratas no Europeo e na Copa do Mundo?

-Un reforzo positivo moi importante de cara ao Mundial, que é o obxectivo do ano, nas augas onde serán os Xogos Olímpicos. As sensacións son moi boas e agora hai que referendalo cun bo resultado no Mundial e seguir traballando.

-Neste momento vostedes e os australianos son os grandes dominadores do 470?

-Os grandes favoritos a día de hoxe son as australianos que teñen moi boas condicións, son un equipo moi sólido e unha punta de velocidade por enriba do resto que aínda temos que traballar moito para poder chegar aí. Se eles non comenten erros é complicado darlles caza. Para min son os grandes favoritos. Nós temos que seguir traballando, presentamos batalla e a xente xa nos ten en conta e creo que aínda temos moita marxe de mellora e temos que seguir aí.

-Como está sendo este ano de preparación?

-Igual un pouco por riba do que pensaríamos a principios de tempada. Estamos moi contentos e o que indica é que estamos a traballar nunha boa liña, as decisións tomadas para o Mundial foron moi boas e temos que seguir na mesma liña.

-E agora parada e fonda en Xapón con tres citas.

-Imos estar alá unha tempada moi longa. En dúas semanas estamos alí para afrontar tres semanas de concentración para preparar o Mundial, coñecendo un pouco máis o sitio, logo viremos uns días para descansar a cabeza e logo dende o 25 de xullo ata o 2 de setembro estaremos alí dun xeito permanente. O Mundial é do 2 ao 9 de agosto e uns días despois temos un test de Xogos Olímpicos dun representante por país e logo a primeira Copa do Mundo da seguinte tempada.

-Ese mes é medio de Xapón é o máis importante da tempada.

-Sen dúbida, sobre todo polo valor que ten a nivel de poder estudar o campo e sacar conclusións de cara ao ano que vén, que tipo de eventos imos a ter, como temos que enfocar o ano que vén, e hai moitas cousas que van depender destes dous meses, que son os máis importantes da tempada. Ademais, se non facemos un bo Mundial igual non falamos dunha tempada tan boa como a que estamos facendo ata agora.

-Fala dun representante por país, pero semella que non hai cor no seu caso.

-Todo fai indicar que iremos, porque o resto dos rivais xa non está a competir e creo que estamos facendo méritos máis que de sobra para ser os elixidos. Imaxino que 9 de agosto xa saberemos oficialmente que o ano que vén volvamos a estar alí.

-Neste momentos pódese dicir que son a principal opción de medalla olímpica da vela española?

-Non sei se se podería dicir así, pero creo que estamos a demostrar que podemos estar na loita, aínda que tamén temos grandes compañeiros nosos noutras categorías, pero si se pode dicir que se alguén ten que apostar agora mesmo sería máis doado apostar por nós.

-O obxectivo no Mundial de Xapón é gañar ou estar cerca dos australianos?

-O obxectivo é facelo o mellor posible. Sen dúbida un podio estaría moi ben porque sería o segundo seguido nun Mundial e por riba no campo de regatas dos xogos olímpicos. É un obxectivo ambicioso pero creo que estamos con posibilidades de poder facelo.

-A nivel persoal, como está sendo esta experiencia de dedicarse á vela ao 100 %?

-É como facer o teu soño realidade. É unha satisfacción e debo admitir que estou un pouco abraiado, pero ao final isto convértese no día a día.