«O fado foi coma unha droga, entroume dentro do corazón»

VIGO CIUDAD

cedida

ENTREVISTA: MARÍA DO CEO. A voz do fado miñoto volve á actualidade musical co disco «A fadista», que o vindeiro 9 de xuño mostrará no Teatro Afundación de Vigo

31 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

María do Ceo fala como canta, doce e apaixonadamente. Ela é o fado miñoto, un xeito de afrontar este estilo musical que nace no Porto e chega enchido de saudade ata a morriña do río Miño. O domingo 9 de xuño estará no Teatro Afundación de Vigo co seu último disco, A fadista.

­-Que é «A fadista»?

-É o espectáculo do meu último disco. Aínda que ten catorce cancións, o concerto vai más alá porque un sempre ten que cantar as cancións dos seus discos anteriores. Haberá moitas sorpresas porque vou ir cunha gran formación musical, que inclúe un contrabaixo, piano, percusión e guitarra portuguesa e española.

-Como é o disco?

-Vai na liña dos meus discos anteriores. Normalmente sempre canto algunha canción galega e harmonizada como tal, pero neste caso hai tres poemas en galego harmonizados como o fado menor do Porto. Fago unha versión de Un canto a Galicia, de Julio Iglesias, unha canción que sempre me gustou e que me pide moita xente cando vou ao estranxeiro. Teño a grande sorte de ser unha cantora nacida en Portugal, pero levo máis de 40 anos residindo en Galicia. De aí sae esa fusión galegoportuguesa, ou miñota, que é coa que eu me defino, porque o estilo miñoto non é o fado de Coimbra nin de Lisboa; é un fado que nace no Porto e chega ata Galicia.

-Cando quedou atrapada polo fado?

-Con cinco anos. Estaba na casa con miña nai e escoitei unha canción de Amália Rodrigues. Quedei namorada dela. Anos despois, xa cando emigramos a Galicia, cada vez que meu pai ía a Portugal eu pedíalle un disco de Amália. O fado foi coma unha droga, entroume dentro do corazón. Xa na escola en Xinzo de Limia e en Ourense cantaba fados para os meus compañeiros, aos que lles gustaban moito. Despois chegaron anos de formación, ata que dixen que quería dedicarme a iso definitivamente.

-O disco e a xira son especiais para vostede pola presenza do seu fillo e o seu marido na formación musical que a acompaña.

-Si. Levo casada co meu home dende hai 40 anos, moitos máis dos que teño; é o meu amor, o meu compañeiro, éo todo. Hai 20 anos, o meu primeiro disco gravouno el, e non o volveu facer ata agora. El acompáñame dende hai cinco anos nas xiras. O noso fillo máis novo comezou con nós de moi noviño noutros grupos; anos máis tarde díxenlle que tería que aprender a tocar a guitarra portuguesa para acompañarme, e fíxoo, e moi ben, ata o punto de que lle compramos a mellor guitarra portuguesa que se fabrica hoxe en día, a que elabora Óscar Cardoso. É un musicazo.

-Os concertos resultan esgotadores para vostede?

-Subir ao escenario non me custa nada porque vou coas pilas cargadas e querendo cantar e dicir todo o que quero. Alí, o sentimento éncheme ata chorar, e cantar e chorar ao mesmo tempo é terrorífico para a voz, aínda que non o podo evitar. E cando baixo do escenario aínda me queda outra hora máis atendendo ao meu marabilloso público. Cando chego á miña casa estou esgotada e necesito durmir. De feito, eu nunca fago concertos seguidos porque non o daría feito, fisicamente non podo.

-Que quere facer musicalmente que aínda non fixo?

-Sempre pensei en facer un disco de colaboracións, pero é algo moi difícil. Hai que ser bo coa xente que vén tocar contigo e dar a cambio, como convidalos a concertos. Pero tamén me gustaría facer un disco que se chamase Fado, bolero e balada. Encántanme eses tres estilos e teño moitas cancións compostas e rexistradas na SGAE. Finalmente, quixera gravar outro disco para nenos, porque o que fixemos esgotouse.