A árbore da vida


Preguntáronlle a Giacometti por que facía esculturas tan pequenas e respondeu: «Para que o espazo sexa máis grande». Recórdoo visitando no Marco de Vigo as 376 figuras de madeira da extraordinaria exposición de Álvaro de la Vega A árbore da vida. Imaxino que lle pregunto ao autor por que tantas figuras, e que me responde: «Para que o baleiro sexa máis pequeno».

É a mesma pregunta que fago cada vez que vexo un cadro co que dialoga esta exposición, O xardín das delicias. Como di Álvaro nun dos textos que acompaña a visita: «Aloucados, carnais, entusiastas, submisos, vividores, xentís, solitarios, pasivos, todos caben e buscan o seu lugar na árbore da vida». Certo. Pero sempre que o interpretemos no mesmo sentido en que no cadro O grito, de Munch (outro referente do noso escultor), non hai ningún tipo de queixa ou dor.

Observemos a imaxe desa parella (home / muller abrazados) que colga dun cable, e que acompaña este texto. É evidente que aí está a loucura, a carnalidade, o entusiasmo, a submisión, a vida ben vivida, a xentileza, a soidade e a pasividade. Pero só se o espectador as pon como parte da súa interacción co espazo e a obra; é dicir, coa súa necesidade íntima de reducir o propio baleiro interior, de facer da vida unha causa digna que supere o baleiro do mundo e da existencia. Esa é, na miña mirada, a maior xenialidade de Álvaro, e a razón de que sexa un dos grandes referentes escultóricos galegos actuais (tamén nese Portugal no que expón con frecuencia), máis alá do seu evidente e poderoso dominio técnico.

Mirade de novo esas dúas figuras abrazadas. Nin aman nin ven como o outro ama. Por iso son e parecen ser figuras inacabadas, imperfectas, grotescas ou, dito con dúas resolutivas e reducionistas palabras: realistas e expresionistas ao mesmo tempo.

Animais enfermos

Nietzsche dicía que os seres humanos somos animais enfermos porque temos conciencia. Álvaro defínese como escultor primitivista nese mesmo sentido. Ten dito que coa motoserra séntese como un domador coas feras, que non hai substituto para a sensación da pedra na man ou que a súa obra é moi elemental e próxima. E que ama a infancia porque alí ocorrían as cousas por primeira vez. Nesas dúas figuras abrazadas ocorren as cousas por primeira e definitiva vez. Non hai conciencia, nin amor, nin sexo. Non hai felicidade, nin compromiso. Non hai teorías modernistas nin posmodernas sobre o erotismo ou a gastronomía. Non hai ningunha das patéticas enfermidades (tipo arte ou crítica literaria) que inventou a conciencia.

Vendo esta exposición volvín comprender que Álvaro e eu estariamos máis sans sen esta patética recensión. Pero, tristemente, en contra do que expresan as súas intensas e logradas figuras, e aínda sabendo que vivimos nunha sociedade capitalista, os humanos preferimos buscar na árbore da vida os froitos da felicidade antes que os da saúde.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A árbore da vida