«Temos unha falsificación da realidade e a oposición non deu alternativas»

Luis Carlos Llera Llorente
luis carlos llera VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

M.MORALEJO

O candidato do BNG confía en retornar con forza ao Concello o día 26

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten agora máis autoconfianza que cando tomou o temón do BNG hai dez meses, Xabier P. Igrexas, como lle gusta que o chamen, é o mais novo dos candidatos, pero ten moita experiencia política. Cumprirá 35 anos o 7 de agosto, tres días despois do Cristo da Vitoria. O maior triunfo para Igrexas sería a volta do BNG á corporación, como prevén as enquisas de Sondaxe.

-Que lle parecen as enquisas, que lle dan ata dous concelleiros?

-Hai que esperar ao día 26, pero se ve unha tendencia. Está claro que imos volver con forza.

-Cre que captaron a xente desencantada coa Marea e co PSOE?

-Hai moita xente desencantada e que quere unha alternativa real. Os plenos son un pimpampum.

-E como lle van poñer fin?

-Vigo necesita una política municipal que non existe. Hai moito ruído. Temos un PSOE instalado nun discurso autorreferenciado, de falsificación da realidade da cidade e a oposición foi incapaz de dar alternativas en positivo; e necesitamos unha forza que as dea.

-No seu programa propón poder subir os animais ao transporte público.

-Agora podes subir animais cun transportín pechado. O que nós propoñemos é algunha proba piloto de permitir o acceso ao autobús como se está a facer noutras cidades de Europa, sen ter que ir nun transportín. É unha maneira de normalizar o seu acceso ao transporte e tamén a algunhas instalacións municipais, como o albergue, porque os animais son un soporte afectivo para moita xente. É cruel que ás persoas sen teito se lles prohiba o acceso aos seus animais, que son a única compañía que teñen.

-Vostede criticou o tapiado do Barrio do Cura. Defende a okupación? Como hai que afrontar este problema?

-En Vigo hai un problema real coa vivenda. Non se pode negar a realidade e dicir que en Vigo non se producen desafiuzamentos, cando hai dous cada día. Hai que facilitar o acceso á vivenda. Aínda que non é unha competencia directa do Concello, debe haber un compromiso, porque hai un total abandono por parte da Xunta, que ten os recursos. En Vigo hai 18.500 baleiras, propiedades da Sareb e dos bancos, e ten que haber convenios para alugueiro social cos grandes posuidores.

«Estableceríamos unha moratoria de 10 anos para novos centros comerciais»

A Xabier Pérez Igrexas gustaríalle máis participación veciñal nos orzamentos e que se dea un pulo ás tendas de barrio.

-Considera correcta a ubicación da praias para cans ou propón outra alternativa?

-Cando se goberna sen ter en conta a ninguén tómanse decisións que non lle gustan a ninguén. Hai que dialogar coa veciñanza, facer pedagoxía e tomar medidas progresivas e experimentais. É mala política concentrar nun só ámbito os animais e hai que conciliar a seguridade de todos, tamén a dos animais

-Vostedes plantexan rescatar as concesións como a auga. Non é moi caro?

-O que é insostible e seguir co modelo de privatizacións que é ruinoso para a cidade. Pagamos por unha auga que non consumimos. Aqualia non inviste na potabilizadora senón en dinosetos. Hai que recuperar a xestión pública. Cun orzamento de 258 millóns e 1.500 traballadores no Concello é posible.

-Falando de orzamentos, propugnan uns participativos. Como o farían?

-Pódese participar de xeito real con consellos sectoriais consultivos, que son espazos de codecisión. Hai que consultar cos barrios e parroquias e deixar de concentrar os investimentos no casco urbano.

-O plan de ordenación provisional xa está en marcha. Como queren afrontar o urbanismo?

-O plan provisional de urbanismo é unha trampa. O Plan Xeral leva tres anos e medio anulado e o goberno foi incapaz de presentar un plan co máximo consenso despregando mapas nas parroquias.

-Apoian o proxecto de Porto Cabral?

-Non fan falta máis centros comerciais en Vigo. Hai que aprender doutras cidades. Abren un centro para pechar outros mentres se vai desertizando o municipio de pequenos comercios que son os que artellan a cidade. Estableceriamos unha moratoria de dez anos.