«A idea da canción era difundir o nome de Antón Fraguas»

O instrumentista compuxo un tema sobre o persoeiro a que se lle dedica o Día das Letras


Vigo

O Día das Letras Galegas ten extraoficialmente este ano unha banda sonora propia. O músico lugués, residente en Vigo, Samuel Soto, compuxo o tema Antón Fraguas. No último mes foi adoptado por moitos colexios de toda Galicia como himno das súas actividades relacionadas co Día das Letras.

-¿Como naceu esta canción?

-Eu traballo coa compañía Queiman e Pousa, e pedíronme que fixera unha canción para un espectáculo sobre o Día das Letras Galegas. Fíxena, pero pareceulles moi alegre e a desbotaron para levar algo máis tradicional. Eu, como tiña a canción feita decidín subila ás redes.

-¿Cal foi o resultado?

-Tivo moi boa resposta nas redes e comezaron a chamarme de varios colexios de Galicia para pedirme permiso para utilizala como canción para as súas actividades. A idea inicial da do tema era difundir o nome e a figura de Antón Fraguas.

-A música ten un aire moi miñoto. ¿Ten algunha inspiración portuguesa?

-Si, eu toco en varios grupos, como SondeSeu ou Ardentía, e este verán, estando en Portugal, merquei un cabaquinho. Ese foi o leit motiv da canción porque a compuxen con ese instrumento; cuns acordes de cabaquinho, redoblando nel e a propia tímbrica dese instrumento me deu a canción, que ten arranxos tradicións galegos.

-¿E a letra?

-Informeime moito sobre Antón Fraguas, e nese proceso foime gustando moito a súa figura. A primeira frase da canción di: «Antón Fraguas foi un home que naceu en Cotobade». Posteriormente, vin unha entrevista na que el empezaba dicindo o mesmo: «Eu son un vello que naceu en Cotobade». Pareceume unha bonita casualidade que a canción comezara como el se presentaba.

-¿É a primeira vez que se fai unha banda sonora do Día das Letras?

-Non sei, pero si sei que hai moitos espectáculos ao redor da celebración, pero unha letra dedicada a el, feita por profesionais, non coñezo ningunha.

-¿Tiña cantado anteriormente?

-Nos grupos nos que estou, toco o bouzouki.

-O pregunto porque canta moi ben.

-Fágoo o mellor que podo. Eu ata o de agora, teño feito cancións para outra xente, aínda que si teño formación en canto. Pero é a primeira vez que gravo algo cantado, aínda que fixen colaboracións con Uxía e Eliseo Parra. Agora, xa teño unha segunda canción preparada.

-¿Cantou en directo o tema?

-Si, en varios concertos con Queiman e Pousa. Mañá [por hoxe] cantareina en Baiña. Nalgúns casos, o fago en directo para recadar fondos para comprar traxes tradicionais para un grupo de integración que dirixo en Baiona, composto con moitas persoas con discapacidades. Se algún diñeiro quito cos dereitos da canción, vai ir a este fin.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A idea da canción era difundir o nome de Antón Fraguas»