Vigo: 1.700 alumnos participan no Correlingua
Os participantes camiñaron dende a Praza do Rei ata o parque de Castrelos
Vigo
Ao redor de 1.700 alumnos de 21 centros de educación infantil, primaria e secundaria de Vigo, Mos, Tui, As Neves e Gondomar tomaron parte na saída da etapa viguesa do Correlingua, unha carreira que ten por obxectivo reivindicar o uso do galego en todos os ámbitos. É unha actividade organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio- Pedagóxica Galega (AS- PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, A Coruña, xunto coas deputacións provinciais de Lugo, A Coruña e Pontevedra. Este ano ten por lema "O galego é a fórmula".
Este evento comezou en Cangas o pasado 2 de maio e concluirá o xoves en Pontevedra.
A marcha saíu da Praza do Rei ás once da mañá para finalizar no Parque de Castrelos, nunha festa na que se leu o manifesto gañador e na que actuou Cuarte Xusta, un dos grupos gañadores do Cantalingua. Os máis pequenos non participan na marcha, pero si nunhas actividades desenvoltas no parque de Castrelos. Isabel Risco foi a persoa elixida este ano para conducir esta actividade.
Centos de nenos cantan polo galego en Vigo
O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para os concurso do manifesto, banda deseñada, vídeo e Cantalingua, que se desenvolven no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do galego e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre celébranse as carreiras pola lingua que percorren toda Galicia.
A saída da marcha foi efectuada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a concelleira de Normalización Lingüística, Uxía Blanco.
Comentarios