«É difícil, pero compaxinar horarios co neno, a peixería e a bici compensa»

A ciclista mindoniense Isabel Picoaga comezou a competir hai cinco anos e acumula un importante palmarés no circuíto galego de BTT


«Son unha traballadora máis cunha afección que é o ciclismo». Así se define Isabel Picoaga, mindoniense de 41 anos «recén cumpridos» que a pasada fin de semana gañaba en Silleda a cuarta proba a Transgalaica 2019 de BTT, confirmándose no liderado. Á volta da Semana Santa disputará en Vigo a quinta e última carreira dunha competición na que xa se proclamou vencedora no 2017. «Se todo vai ben na última proba, espero facerme co título», comentou onte logo de destacar que «é difícil, pero compaxinar os horarios do neno, cos da peixería e os da bici compensa».

-Cando comezou coa bici?

-Pasados os trinta, acordeime tarde [bromea]. Aprendín a andar de nena, tería oito ou nove anos, pero non teño un recordo de ter unha afección de bici para nada. A afección veu hai uns dez anos. O meu home e máis eu empezamos a andar de cicloturistas por Mondoñedo antes de ter o neno, pero a nivel de adestrar e andar máis asiduamente hai cinco.

-Como deu o salto á competición porque se iniciou pasados os trinta anos?

-Ao noso nivel competindo a nivel autonómico somos máis ciclistas máster (maiores de 30 anos). Noviñas, en elite, hai moi poucas. Supoño que cando es máis nova tres outras prioridades, como os estudos ou saír, e máis tarde xa tes unha estabilidade e quizás te planificas mellor. No meu caso, empezou a competir o meu home, Xabier Legide, e foime arrastrando. Dixen: «Veña, vou». Ao principio saía de última e chegaba de última, pero logo xa me empecei a preparar para non sufrir demasiado nas carreiras.

-Profesionalmente é peixeira...

-O meu home somos autónomos e máis eu temos unha peixería, Peixes e Mariscos Mondoñedo, e os dous andamos na bici e temos un fillo en común de 8 anos ao que lle espero inculcar agora a bici. Estaa mamando moito porque tanto seu pai como súa nai andamos moito, e el con tres anos xa andaba tamén.

-Como consegue compatibilizar familia, traballo, deporte...

-Ata afacernos, foi difícil, pero agora os tres estamos moi compenetrados. Un día normal levántome ás sete e media ou así. O meu home antes, sobre as cinco, porque vai á lonxa. Eu quédome co neno, prepároo e mándoo ao cole. Logo vou para a peixería ata as tres, e pola tarde organizámonos para compatibilizar o adestramento coas extra escolares. Hai días dunha hora, de dúas, de tres, e tamén algún día de descanso.

-Por onde adestra habitualmente?

-Adestro moito, case a diario, en carretera porque nela fas máis horas e máis quilómetros, pero compito en BTT así que tamén fago algunha sesión en montaña. En Mondoñedo hai varias rutas de bici que están moi ben, como o Camiño de San Rosendo, que vai cara a Foz, a Rúa da Auga, ou a Toxiza, que é a Fraga Vella, moi coñecida, e un lugar onde non che molestan os coches. E temos unha rapaza que da clase na Universidade de Vigo que nos guía para planificar os adestramentos porque ao principio non tiñamos nin idea, e facendo quilómetros simplemente non melloras o nivel nin a técnica.

«Só saír a pasear en bicicleta e a facer quilómetros por Mondoñedo xa é moi bo e saudable»

«Animaría a todo o mundo a intentalo polo menos. Claro que as primeiras veces son duras. Estar sentada na bici varias horas ao principio é duro, pero se o fas uns días, engancha. E logo se pasas un día sen saír, xa dis: ‘Ui, que vou perder a forma’», explica Isabel Picoaga, que é secretaria do Club Ciclista 7 Voltas de Mondoñedo, que ten uns 40 afeccionados á bici de Mondoñedo, Lourenzá, Foz ou Moeche. «Temos un grupo e xuntámonos a miúdo. Se non hai un adestramento específico, quedamos para ir dar unha volta, facemos comidas, tamén levamos aos nenos aos campionatos de mini BTT. Facemos vida de ciclismo, vaia...», comenta.

-Que lle gusta máis do ciclismo?

-Aparte dos logros, porque subir ao podio satisfai, claro está, a satisfacción é poder facelo. Antes non me vía capaz de facer 60 ou 80 quilómetros pola montaña, e en Silleda, por exemplo, a ruta era de 63 quilómetros cun desnivel positivo de 1.800 metros, e foi bastante dureta pola climatoloxía, a choiva e o barro. Pero acabar é unha satisfacción tremenda, de soltar adrenalina, de encontrarte mellor fisicamente e das amizades que creas por aí. As chicas que competimos, como somos poucas, coñecémonos todas e temos un valores moi bos, non hai competitividade, nin riñas. Chegamos á meta tan panchas, tomamos unha caña e quedamos en vernos na próxima.

-Cóidase dalgún xeito especial?

-Só trato de comer o máis san posible, evitando os embutidos, os azucres, todo o procesado..., pero non sigo unha dieta.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«É difícil, pero compaxinar horarios co neno, a peixería e a bici compensa»